Contracultura

Vero Rilo, Mónica de Nut e Nuria Vil: "Desde a nosa perspectiva artística, cada unha de nós dialoga ou reinterpreta a obra de Villalta"

Nuria Vil (Vigo, 1993), recitadora; Vero Rilo (Mugardos, 1984), narradora oral, e Mónica de Nut (Oia, 1976), música, presentan Indóciles, un proxecto multidisciplinar que pretende achegar o legado e a voz de Luísa Villalta ao público. A súa preestrea foi esta quinta feira en Arcade (Soutomaior) e hoxe estrearase no Festival Rosalía de Compostela (20.30 horas).
A narradora oral Vero Rilo, a música Mónica de Nut e a recitadora Nuria Vil (Foto: Yolanda Ataraxia).
photo_camera A narradora oral Vero Rilo, a música Mónica de Nut e a recitadora Nuria Vil. (Foto: Yolanda Ataraxia).

—Como xurdiu Indóciles?
Vero Rilo: A min lévame a distribuidora Cultura Activa e un día chamaron do Concello de Sada, onde Luísa Villalta foi mestra durante moitos anos, para saber se tiñan algo dela para este ano das Letras Galegas. Propuxéronme facer algo e canto máis lía sobre Luísa máis me interesaba. Decidín falar con Nuria, comezamos a traballar e aí démonos de conta de que non tiña sentido facer algo sobre Luísa sen música, polo que chamamos a Mónica.

—Sendo a primeira vez que traballaban xuntas, como levaron o proceso?
Mónica de Nut: Foi moi fluído. Desde o comezo a sensación foi de que xa levabamos proxectos armados. Creo que a comunicación foi moi doada. Persoalmente estou moi contenta porque me parece moi interesante o que fan as miñas compañeiras. Somos de disciplinas diferentes, de idades distintas e movémonos en círculos diferentes. E aínda así encaixa todo, é como aire fresco para cada unha de nós.

—Notaron diferenzas, por exemplo, nas referencias que tiñan de Luísa por esa fenda xeracional?
Nuria Vil: Temos visións diferentes de Luísa, mais á vez ningunha a coñecía persoalmente. A través de A Sega teño contacto con persoas que a tiñan como unha grande amizade, mais ao final nós coñecemos só unha parte nesgada dela. O bonito foi atopar as partes que cada unha de nós lemos nela. Para min isto tamén está xenial porque ela era unha persoa poliédrica: fixo poesía, teatro, ensaio, era violinista, estaba nas columnas de A Nosa Terra onde deixou plasmada as súas opinións... É o que dicía Vero: non ten sentido facer un espectáculo único para falar de Luísa Villalta. Ten sentido intentar abordala desde múltiples lados.

—Sentiron algunha presión por este impacto que tivo a súa figura?
N.V.: É que ao final esta é unha obra de creación propia na que Luísa está de fondo, mais non a trasladamos ao escenario. Non estamos collendo os seus textos para teatralizalos nin nada similar, utilizamos textos de creación propia. Si que houbo certa presión por isto mesmo, por se a xente entendía que estabamos levando ao escenario a obra de Luísa, cando o que facemos é unha reinterpretación. Cremos que é importante que o recordo de Luísa estea no escenario para que a xente se achegue a ela, divulgar a súa obra, traducila a diferentes idiomas escénicos... Creo que o que nos gustaría a calquera das tres é que se alguén ve Indóciles que logo queira lela a ela.

M.N.: Claro, non se trataba tanto de reflectir o traballo de Luísa, senón dialogar con esas linguaxes que ela deixou. Indóciles está composto por textos de Nuria e de Vero e recreacións miñas a nivel sonoro e algunha alusión a súa obra. Desde a nosa perspectiva artística, cada unha de nós, dialoga, reflexiona ou reinterpreta a través da súa obra.

V.R.: Tamén é certo que ocorre o mesmo que pasou con Xela Arias. Luísa agora tería 67 anos, é dicir, moitas das súas amizades e persoas que a coñeceron están vivas e activas na cultura. Non sei se chamalo exactamente presión, mais creo que é doado entender que non é o mesmo que estas persoas estean aí que se non estivesen. E no que respecta ao achegamento á súa obra, tivemos que facer un traballo previo e longo de busca da súa obra e lectura da mesma. Gran parte da súa obra está sen reeditar e resulta complicadísimo conseguila.

Comentarios