Vinte anos despois, reencontro coa obra múltiple e heterodoxa de Luísa Villalta

A Federación Galiza Cultura realizará na cuarta feira, 6 de marzo, na Coruña, o primeiro grande acto de celebración de Luísa Villalta como protagonista do Día das Letras Galegas, nunha gala que reivindica unha figura cun inequívoco compromiso co país. 
 
Retrato de Luísa Villalta nunha praia. (Foto: Arquivo familiar)
photo_camera Retrato de Luísa Villalta nunha praia. (Foto: Arquivo familiar)

Na figura poliédrica de Luísa Villalta converxen a poeta, a ensaísta, a dramaturga, a narradora, a tradutora, a violinista, a columnista, a activista comprometida co seu país e o seu tempo. Sen dúbida, unha personalidade tan diversa precisa deste protagonismo que ofrece o Día das Letras Galegas para reflexionar sobre a súa xenerosa contribución á vida artística e intelectual da Galiza do século XX, sobre a amplitude do seu proxecto creativo.

Para dar comezo a esa esculca, a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura organiza esta vindeira cuarta feira, 6 de marzo -no que se fan vinte anos desde o seu repentino e inesperado pasamento, cando só tiña 46-, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, o primeiro grande acto de homenaxe e de celebración da autora. Baixo o título Inaugurar o tempo da Xustiza. Celebrando a Luísa Villalta, a entidade quere lembrar a Villalta en todas as súas facetas creativas e, tamén, como persoa coñecida e recoñecida por implicarse social e politicamente nun innumerábel ronsel de iniciativas cívicas, sociais e culturais que reclamaban dereitos e liberdades.

"Trátase dun acto de xustiza, de organizar un recoñecemento que, na medida do posíbel, sexa popular", explica Xosé Manuel Carril, presidente de Galiza Cultura. "Ela, como gran creadora que era, elaborou unha obra que destaca pola diversidade de xéneros que cultivou, e que, ao tempo, resulta inseparábel do seu forte compromiso con Galiza".

 

Figura da heterodoxia

O acto ten previsto revisitar varias das pólas creativas de Villalta. Así, despois da benvida do presidente da federación, terá lugar un recital poético dos seus versos na voz das poetas Marica Campo, Xulio López Valcarce, Cesáreo Sánchez e Eva Veiga.

A seguir, está prevista a intervención Luísa Villalta: "Eu renazo galega" de lembranza da súa figura a cargo da profesora e escritora María Pilar García Negro, que achegará a Luísa Villalta máis intima e persoal, a activista comprometida que se implicou cos movementos sociais e políticos expresados a través da cultura e da súa obra, participante das actividades da Mesa pola Normalización Lingüística, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (de cuxa directiva fixo parte) ou do Foro Negro da Cultura nacido despois do naufraxio do Prestige.

"Toda homenaxe, como esta que lle rendemos a unha grande escritora da nosa literatura nacional, ten que ir acompañada do coñecemento e da lectura da súa obra", sostén García Negro. "O obxectivo aquí é celebrar para dar a coñecer a extensa e variada obra de Luísa Villalta, que é inseparábel dunha preocupación cívica e patriótica que nunca faltou na súa obra nin na súa actividade e no seu compromiso como militante nacionalista. Por iso é de agradecer que se dea a coñecer, aínda que sexa brevemente, todos os aspectos da súa personalidade".

García Negro, ademais, apunta a algo fundamental. "O factor tempo é decisivo, e cando unha vida se interrompe desa maneira tan abrupta cómpre que a pasaxe do tempo axude a valorar. Mais hai outro elemento fundamental que non se cita ou que se cita moito menos ao falarmos do escaso coñecemento que, en xeral, se ten da súa obra: Luísa Villalta nunca pertenceu á cultura autonómica. En vida nunca foi unha escritora promovida polas instancias oficiais. Villalta pertence á heterodoxia, á contestación, a unha cultura nacional que reclamaba unha liberdade de pensamento e de expresión que ela asumiu sempre e que, polo tanto, non se adaptaba aos canons da normativa imperante naquel momento".

 

Teatro, música, poesía

No acto tamén haberá espazo para lembrar a súa obra dramática, con frecuencia esquecida, coa posta en escena da pequena peza Concerto para un home só publicada en 1989 nos Cadernos da Escola Dramática Galega, que correrá a cargo do actor Miguel Pernas Cora.

"En 2004, na homenaxe realizada xusto despois do pasamento de Luísa, interpretei un anaco deste mesmo texto, dirixido por Lino Braxe", relata Pernas. "Pero ao mesmo tempo penso que a súa obra dramática segue estando moi esquecida, non se volveu tocar agás en certos actos testemuñais. E creo que ten o valor suficiente para que se estree dunha maneira profesional, con todas as condicións e garantías coas que se tratan os textos de valor da nosa literatura dramática".

Á actuación de Pernas seguirá o concerto do Grupo Instrumental Siglo XX, que interpretará o tema composto por Paulino Pereiro -que introducirá o concerto falando doutra das paixóns de Villalta, a música e o violín- O paseo das esfinxes. Op.49, (música escénica para a obra homónima de Luísa Villalta) 1990, e a adaptación para trío de corda -tamén de Pereiro- da Suite núm. 3 para cello Op.296 de J. S. Bach.

Para rematar, subirá ao escenario Xurxo Souto que realizará a intervención O outro lado da música, título do ensaio de Villalta publicado en 1999, onde puxo en valor a atracción que senten entre si a poesía e a música.

"A Luísa hai que entendela dunha forma plena", declara Xurxo Souto a este diario. "Ela moveu os marcos da literatura. "Na poesía galega hai un antes e un despois de Luísa. Non é unha poeta de maiorías, pero dá un paso adiante ao describir como até a chegada da imprenta, música e poesía son o mesmo. A partir da invención da imprenta, a poesía cantada considerouse un xénero menor e aos que escribían para a música considerábaselles letristas, como se fosen artesáns fronte aos artistas da poesía".

Souto, que vén de publicar Somos un pobo de artistas (Xerais) no ronsel do ensaio O outro lado da música a poesía, cre que a súa poesía "diríxese aos elementos que lle dan felicidade ao ser humano. Todos estivemos algunha vez no paraíso, cando eramos todo e non eramos nada: o ventre da nosa propia nai, e alí estabamos escoitando música, a música do seu corazón. Por iso as palabras traballadas son palabras con música. Por que este ensaio de Luísa pasou desapercibido cando foi un punto de inflexión na crítica literaria? Porque a maioría dos profesores e profesoras de literatura foron formados sen música, porque o mundo académico occidental sempre considerou a música dionisíaca, algo menor. E Luísa dá ese paso de recoñecemento do papel da música festiva, popular".

 

Comentarios