Rosa Cedrón volverá entoar as cancións de Mike Oldfield xunto a un elenco estelar

Será o vindeiro sábado 23 de marzo no marco dun grande espectáculo organizado polos cataláns Opus One.
A cantante Rosa Cedrón (Foto: Europa Press).
photo_camera A cantante Rosa Cedrón (Foto: Europa Press).

Rosa Cedrón volverá entoar as cancións de Mike Oldfield. Será o vindeiro sábado 23 de marzo no marco dun grande espectáculo organizado polos cataláns Opus One, unha orquestra que foi creada para conmemorar en 2023 o 50 aniversario do Tubullar Bells, a obra mestra do músico británico.

“Un evento irrepetíbel”, anuncian desde a orquestra catalá, e non é para menos, pois contarán cun elenco estelar. Xunto a Cedrón, estarán tamén outras moitas das voces que acompañaron a Mike Oldfield durante a súa dilatada e afamada carreira, nun encontro inédito 'as cantantes de Oldfield' que terá lugar por primeira vez na historia.

A escocesa Maggie Reilly, o inglés Barry Palmer, a norueguesa Anita Hegerland e a inglesa Nikki Lamborn, así como a galega Rosa Cedrón, todos e todas elas cantantes que xiraron e gravaron con Mike Oldfield, compartirán escenario no Auditorio Nacional de Madrid.

Desta maneira, xuntaranse artistas que participaron en álbums de grande éxito como Five Miles Out, Crises, Discovery ou Earth Moving, no caso de Reilly; de Islands, Earth Moving e Heaven's Open, no de Hegerland; de Discovery e Crime of Passion no de Palmer, de Tubullar Bells III no caso de Cedrón e de Earth Moving no de Lamborn.

Ademais, o numeroso elenco estará completado por Rubén Álvarez (Tubular Tribute) e Manu Herrera (The Sentinels), “dous dos mellores intérpretes da música de Mike Oldfield”, así como Rob Reed e Catherine ‘Been’ Feeney. Alén dunha orquestra composta por 12 músicos e músicas (Xavier Alern, Marcos Sánchez, Tote Martínez, Manu Suárez de la Vega, Carlos Cruz, Oriol Palau, Santiago Galán, Pito Costa, Xavier Rocosa, Joan Torras, Olaia Brugada e Xavi Lite), tamén actuarán como cantantes invitadas Anna Luna e Claudia Steccato.

Rosa Cedrón e Mike Oldfield

Ademais da participación de Rosa Cedrón no Tubular Bells III, publicado en 1998, a de Monforte (Terra de Lemos) xirou con Mike Oldfield por todo o mundo con este disco. Ademais, participou con el en The Night of the Proms, unha iniciativa que recreou durante moitos anos clásicos populares por diferentes puntos de Europa, tanto do pop-rock como da ópera e a música sinfónica, na que interpretou éxitos da altura de To France e Moonlight Shadow.

Previamente, Luar na Lubre, a banda da que Rosa Cedrón era a cantante, saltou á fama a través da súa colaboración con Mike Oldfield nunha xira no ano 1992, algo que se viu acrecentado pola versión que Oldfield fixo, e publicou con grande éxito, de O son do ar, unha canción instrumental e das máis coñecidas da banda, co título The Song of the Sun.

“Até hai un par de anos, até un pouco antes disto da pandemia, mantivemos o contacto, e até onde eu sei está ben. Estará coas súas ganas de estar ao seu. El aparece e desaparece, algo que eu sempre respectei moitísimo”, expresou Rosa Cedrón sobre a súa relación con Mike Oldfield nunha entrevista con Radio 3 en 2021.

“Sente devoción pola Galiza, estareille eternamente agradecida e el sábeo, para min é moi grande, foi unha sorte traballar con el. Foi sinxelo, nunca tiven ningún problema, cando tivemos ensaios en Londres foron uns días estupendos, sempre me pareceu un home moi alegre e moi xeneroso, o que pasa que é unha persoa tímida e introvertida”, acrecentou.

“É moi celoso das súas cousas, mais sempre me deu rabia que o malinterpretasen, que xornalistas dixesen que era un borde”, laiouse. “Déronlle moita caña, inventaron moitas cousas del, poderían deixar un pouco á xente en paz”, afirmou Cedrón. “Ten un mérito brutal a súa faceta de multiinstrumentista”, concluíu.

Comentarios