O percorrido, mantido por Santiago Prol -autor con Xan Carballa do libro Conversas con Francisco Carballo-, comezará ás 11 horas no Santuario dos Milagres, no Monte Medo, que incluirá referencias vitais, breve explicación histórica e paisaxísstica da contorna e da explotación mineira romana. Tamén se visitará a igrexa e a aula magna do colexio novo.
Logo desprazaranse a Asadur, onde terá lugar unha ofrenda floral no cemiterio, para logo trasladarse a Celeirón, o seu lugar natal, onde se falará sobre a súa infancia e a súa casa matricial.
O encontro continúa na biblioteca pública da vila de Maceda, onde se proxectará un audiovisual sobre a súa personalidade realizado por Xan Carballa. E remata cun xantar de confraternidade.
Francisco Carballo, nado en Asadur (Maceda) o 8 de marzo de 1925 e finado en Salamanca o 29 de novembro de 2014, deixou unha obra de enorme significación para a comprensión do século XX na Galiza, desde as perspectivas da historia, o xornalismo e a teoloxía. Implicouse desde sempre no impulso de iniciativas culturais no ámbito do nacionalismo, como A Nosa Terra, e foi membro fundador do Sermos Galiza.