Contracultura

Tiam GZ: "No verán teremos novo EP, estamos de volta e vimos con forza para pisar os escenarios"

Brais Vázquez (Carballedo, Lugo, 1999), coñecido como Torozas, é un dos integrantes de TIAM Gz xunto con Iago Suárez, ‘Iagueiro’; Álex Varela, ‘Alessov’, e Matías Zelarayán, ‘Mr. Mati’. O grupo vén de publicar un novo sinxelo, Volta ao xogo, acompañado dun videoclip para facer toda unha declaración de intencións con respecto a súa volta á música cun futuro EP.
Brais Vázquez, Matías Zelarayán, Iago Suárez e Alejandro Fernández. (Foto: Arxina)
photo_camera Brais Vázquez, Matías Zelarayán, Iago Suárez e Alejandro Fernández. (Foto: Arxina)

—Como comezaron a deseñar o que ía ser Volta ao xogo?
En 2018 decidimos xuntarnos entre nós como o grupo de amigos que eramos coa intención de tocar xuntos e desfrutar da música. Con todo, a nosa proxección veuse en certa maneira truncada pola pandemia, especialmente pola falta de concertos e en xeral por todo o que aconteceu na industria musical. Despois dese tempo chegamos a sacar un tema, mais a nosa actividade diminuíu bastante.

O ano pasado decidimos xuntarnos coa intención de revitalizar o grupo, darlle saída e movernos máis. Claro que a todos nos gusta facer música, pero unha parte fundamental para nós é ir tocar a novos lugares e cantar en directo. Pensamos que estaría ben sacar un sinxelo e intentar darlle continuidade sacando tamén un EP, non quedar só cun tema como nos pasou en 2022. Até o de agora estivemos facendo nós todo na casa -gravar, producir e demais- e ao xuntarnos para tomar estas decisións tamén pensamos en subir a calidade do noso traballo.

Por isto, falamos con amizades da industria: Petrowski, que colaborou con nós na produción do tema, e Lara Caeiro e Lorenzo Negueruela, para realizar o videoclip. Queriamos que a calidade que se pode ver neste tema fose unha forma de dicir ao público que xa nos coñecía de antes que volvemos ao xogo e que imos dar o mellor de nós. Ao final este grupo non deixa de ser unha afección nosa, non pretendemos vivir disto, pero isto non quere dicir que non o tomemos en serio.

—Sendo o primeiro videoclip producido así, cales foron as sensacións á hora de traballar nel?
Este ano comezamos a traballar con Culturactiva, cooperativa de distribución musical e teatral, e desde aí recomendáronos Lara cando lles comentamos a idea de facer un videoclip. Ao final nós non sabiamos ben con quen contactar porque nunca o fixeramos. Foi unha marabilla porque desde o primeiro momento houbo unha conexión brutal e conxeniamos moi ben. Á hora de traballar, simplemente démoslle o tema, que xa estaba producido, e comentamos con ela a idea que tiñamos do que significa todo este sinxelo. Queriamos contar que volviamos ao xogo, á escena, a producir música.

Ela presentounos unha proposta que nos gustou desde o principio e entón decidimos deixarlle bastante liberdade para que puidera traballar coa idea que tiña. Ela estaba moi convencida do que quería facer e eu creo que no videoclip está a proba de que foi unha boa decisión: transmítese á perfección o que tiñamos nós na cabeza cando compuxemos a canción. 

—A idea é que este tema forme parte dun EP. Hai algunha idea arredor do proxecto que xa se poida compartir?
A idea é poder publicar o traballo completo a comezos ou mediados de verán. Espérannos uns meses de esforzo intenso, mais queremos demostrar que estamos de volta e que vimos con forza para volver aos escenarios.

Cada un de nós vive e traballa en lugares distintos da Galiza, polo que non é doado xuntarse para compor, gravar e demais. Aínda así, xa estamos traballando nos outros catro temas que formarán parte do EP e xa comezan a ter unha cara. Contamos con poder cumprir este plan que nos propuxemos para que a xente poida vir aos nosos concertos.

Comentarios