'To Bird or Not To Bird', de Martín Romero, mellor curta no festival Skyline Benidorm

A película de Romero, unha mirada crítica do mundo contemporáneo desde a perspectiva das aves, foi a gañadora tamén do Premio Goya á Mellor Curtametraxe na última edición destes galardóns.
Martín Romero co Goya recibido por 'To Bird or Not To Bird'.
photo_camera Martín Romero co Goya recibido por 'To Bird or Not To Bird'.

A curtametraxe galega To Bird or Not To Bird, do director coruñés Martín Romero vén de ser premiada como Mellor Curta de Animación no festival de cine Skyline Benidorm.

A película de Romero, unha mirada crítica do mundo contemporáneo desde a perspectiva das aves, foi a gañadora tamén do Premio Goya á Mellor Curtametraxe na última edición destes galardóns.

Producida por Iván Miñambres e Chelo Loureiro, o filme xa recibira numerosos premios en festivais como o de Torrelavega ou o Veliki Brcko Best Film Award.

Martín Romero combina a ilustración, a banda deseñada e o cinema de animación, cunha versatilidade que lle permite crear personaxes infantís, cálidos e desbordantes de imaxinación (o Uxío co que gañou o Premio Castelao de Banda Deseñada en 2019) ou argallar fábulas terroríficas como a que se desenvolve en To Bird or Not To Bird, sempre cun humor negro que lle outorga unidade á súa obra. 

Dentro da equipa de To Bird or Not to Bird, tamén destaca a figura de Chelo Loureiro -que xa recolleu dous premios Goya: á Mellor Curta Animada pola obra Decorado, en 2017, e á Mellor Longametraxe de Animación por Valentina, que ela mesma dirixiu, en 2022.

"Xa levamos traballando xuntos un tempo", declaraba Romero a Nós Diario, o pasado mes de febreiro, "e sempre é unha garantía. É unha persoa que entende moi ben o teu proxecto e que sabe poñer os mellores medios ao servizo da idea que o move ".

 

Palmarés do Skyline Benidorm

O Skyline Benidorm tamén premiou, na categoría de mellor curtametraxe de ficción, o filme Artesanía, de David Pérez Sañudo; mentres que Blow!, de Neus Ballús, gañou como mellor curtametraxe documental.

Largo viaxe de Héctor Herce recibiu o premio á mellor produción, mentres que Kuni Tomita polo seu papel en Tu tijera en mi oreja foi galardoado pola mellor interpretación. A actriz valenciana Paula Usero tamén recibiu o mesmo premio á mellor interpretación polo seu traballo en Mi zona.

Angles Morts de Jan Amor foi recoñecido co premio DAMA ao mellor texto no certame de guión, mentres que El monstruo de al lado de Curro Narváez e David Ayllón recibiu unha mención honorífica. Cuarto de hora de Nemo Arancibia gañou o premio á mellor curta iberoamericana, mentres que Hardly working de Total Refusal foi galardoada como mellor curta europea.

Comentarios