A Xustiza andaluza ratifica a condena a catro anos de prisión a Santi Mina por abuso sexual

Os xuíces do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, porén, estiman en parte o seu recurso e rebaixan a indemnización á vítima á metade. A sentenza contrapón a "coherencia" do relato da vítima coa versión de Mina, de "pouca credibilidade" e "cambiante en función do devir das dilixencias de investigación".
Santi Mina, nun partido desta tempada na liga saudita. (Foto: Al-Shabab)
photo_camera Santi Mina, nun partido da pasada tempada na liga saudita. (Foto: Al-Shabab)

O aínda futbolista do Real Club Celta Santi Mina está máis próximo de ingresar en prisión. O Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía vén de ratificar a condena a catro anos de cárcere por un delito de abuso sexual cometido en 2017 en Mojácar (Almería) que lle impuxera un tribunal de primeira instancia. Os maxistrados estimaron así só en parte o seu recurso de apelación e non rebaixaron a pena, mais si a indemnización á vítima por danos morais, que pasa de 50.000 a 25.000 euros.

A sentenza, que confirma por outra parte a absolución do tamén futbolista David Goldar, incide en que non "hai ningunha mención expresa a que a vítima consentise algún dos actos abusivos descritos" a pesar de que o recorrente insiste en que "houbo unha interacción sexual consentida", que foi negada en todo momento pola vítima. Nesta liña, malia que suprime o concepto de "superioridade" introducido no relato de feitos ao facer referencia a como se aproveitou o espazo no interior da furgoneta no que se produciron os abusos, apunta que "non houbo consentimento viciado da vítima", debido a que nin no relato de feitos nin na fundamentación xurídica da sentenza da Audiencia existe constancia dun consentimento.

O Tribunal Superior rexeita os motivos de apelación do condenado, nos que alegaba que se vulnerou o seu dereito á tutela xudicial efectiva porque a sentenza da Audiencia de Almería "non foi imparcial" ao valorar as declaracións da vítima. Aliás, e aínda que defende que existiron contradicións nas distintas declaracións da vítima, a sala explica que o relato da vítima carece "de contradicións relevantes nos aspectos esenciais". Tamén descarta a sección de apelación que a vítima actuase animada por un motivo espurio, que consistiría en obter unha cuantiosa indemnización. Neste sentido, indica que o testemuño da denunciante "parécenos fiábel, tamén apreciamos que persistiu na súa incriminación e aínda que, en efecto, engadise feitos novos na súa segunda declaración, descartamos que ese extremo tivese relevancia".

A sala rexeita o recurso da acusación particular, ao que se adheriu o Ministerio Fiscal, no que atinxe a un aumento da pena ao entender que os catro anos de prisión impostos son proporcionais á "fugacidade" da conduta típica e á "vontade reparadora" evidenciada polo acusado, máxime após descartarse un abuso de superioridade ou a participación do seu compañeiro. Así, lembra que a vítima non quixo reclamar ningún tipo de indemnización cando se lle instruíron os seus dereitos no xulgado, sendo ese precisamente o momento no que a denunciante mencionou a segunda parte do abuso sexual recoñecido nos feitos probados.

Respecto á indemnización por danos morais, a vítima pedía que aumentase desde os 50.000 euros que recollía a sentenza da Audiencia até case 117.000 para resarcir o dano e a súa afectación na vida cotiá, mentres que o condenado pedía que se reducise até os 2.000 euros. Finalmente, o TSXA reduce a indemnización a 25.000 euros. E explica que debe manter o criterio de proporcionalidade que rexe a sala en supostos das mesmas características, alén de ter en conta factores obxectivos, como a fugacidade da conduta axuizada, o desexo manifesto da vítima na súa primeira declaración xudicial de non percibir indemnización e a entidade das secuelas reflectidas no informe pericial da psicóloga forense.

A Audiencia de Almería considerou que quedou probado o abuso sexual en xuño de 2017 en Mojácar, despois de que a vítima facilitase na vista oral "un testemuño rotundo, abundante en detalles e coincidente no substancial e esencial co que previamente manifestara en sede policial e en sede de instrución". A resolución remarca, ademais, que o testemuño de cargo quedou "corroborado por distintos e definitivos elementos probatorios", entre eles, o informe médico-forense que detallou lesións extraxenitais e xenitais consistentes en equimosis, e o pericial psicolóxico revelou que presenta sintomatoloxía ansiosa e depresiva grave relacionada cos feitos, "resultando moi afectada a súa vida cotiá, sufrindo trastorno de estrés pos traumático crónico directamente relacionado cos feitos".

Tamén aludiu á declaración das testemuñas que deixaron claro que "chegou claramente asustada, chorando, berrando e cun grande estado de ansiedade", e precisou que este feito puido ser presenciado "tanto por ambas as testemuñas como pola facultativa que a asistiu no centro de saúde inmediatamente despois da agresión".

O tribunal presidido pola maxistrada Társila Martínez subliñou que, fronte á "coherencia" do relato da vítima, Santi Mina na súa primeira declaración "negou de forma categórica tocar sequera á vítima". "Só ao atopar ADN seu na cavidade vaxinal [da vítima], vese obrigado a modificar a súa versión dos feitos e recoñecer que existiu penetración vaxinal", traslada o veredicto, para fundamentar que a versión do futbolista ten "pouca credibilidade", xa que "resulta cambiante en función do devir das dilixencias de investigación".

Comentarios