COPA DO MUNDO DE FÚTBOL

Abelleira brilla no Mundial e logra o pase a cuartos

España e Xapón, primeiras seleccións clasificadas a cuartos de final no Mundial de Nova Zelandia.
Olga Carmona celebra con Tere Abelleira o 1-0 no España-Zambia. (Foto: Pablo García / RFEF)
photo_camera Olga Carmona celebra con Tere Abelleira o 1-0 no España-Zambia. (Foto: Pablo García / RFEF)

As implacábeis seleccións de España e Xapón foron na xornada desta cuarta feira as primeiras en lograr, a falta dunha xornada, o billete a cuartos de final no Mundial de fútbol de Nova Zelandia. O equipo adestrado por Jorge Vilda e do que forma parte a única representante galega no torneo, Teresa Abelleira, non deu opcións a Zambia e venceu cun contundente 5-0 que o sitúa na primeira posición do grupo C cun balance de  dúas vitorias e oito goles a favor e cero en contra. A centrocampista pontevedresa anotou o tanto inicial e a ela seguírona Jenni Hermoso e Alba Redondo, con dous goles cada unha.

E como segunda de grupo —polo de agora— pasa tamén a selección xaponesa, que da man de Hikaru Naomoto e Aoba Fujino derrotou Costa Rica e garantiu así o pase á rolda de eliminatorias, tamén con seis puntos e coa portaría a cero —cun gol menos a favor que España—. O primeiro posto decidirase a vindeira segunda feira, 31 de xullo, no decisivo partido que comezará ás 9 horas. Os primeiros combinados en despedirse da Copa do Mundo son, pois, Costa Rica e Zambia, que se enfrontarán tamén o día 31 nun partido xa intranscendente.

Onte tamén se disputou o primeiro encontro da segunda xornada do grupo B, entre Irlanda e Canadá, que se saldou cunha vitoria das canadenses por 2-1 após un desafortunado gol en propia porta do conxunto irlandés ao pouco de comezar a segunda parte.

A xornada de hoxe abriuna de madrugada o partido entre Estados Unidos e Países Baixos (1-1), e tras a alborada chega o Portugal-Vietnam —9.30h—, ambos os encontros correspondentes ao grupo E. Xa ao mediodía —12h—, Australia enfróntase a Nixeria no outro choque do grupo B.

Comentarios