A acusación pide a "inmediata" entrada en prisión de Santi Mina por "risco de fuga"

O avogado da vítima alude á súa "procura activa de traballo fóra do país" e á fichaxe frustrada pola Sampdoria italiana

Santi Mina, nun partido desta tempada na liga saudita. (Foto: Al-Shabab)
photo_camera Santi Mina, nun partido da liga saudita. (Foto: Al-Shabab)

A acusación particular solicitou ao Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSXA) a "inmediata" entrada en prisión ou, de forma subsidiaria, a retirada cautelar do pasaporte para o futbolista Santi Mina xa que considera que a súa "procura activa de traballo fóra do país" aumenta "de maneira exponencial o risco de fuga" de fronte ao cumprimento da pena de catro anos de prisión á que está condenado por abuso sexual.

O escrito, elevado ao TSXA polo avogado da vítima o pasado día 7, traslada que existe constancia de que o "condenado pretendeu novamente marchar do país con aparentes motivos laborais", pero "sen informar o tribunal en ningún momento" e "tendo noticias deles única e exclusivamente polos medios de prensa".

Engade que, a pesar de "reiterar a defensa a suposta plena disposición á xustiza" por parte do futbolista, tentou, "como xa fixera o ano pasado co seu desprazamento ata Arabia Saudita" para xogar cedido no equipo Al Shabab, "formalizar contrato de traballo no estranxeiro" e afea que "coma sempre" omitira calquera información respecto diso.

Fichaxe frustrada

O escrito remarca que xa se cursou a mesma petición ao tribunal o 9 de agosto e que, aínda sen resolver e á espera de que se aclare a sentenza do TSXA que confirmou a condena, Santi Mina quixo fichar polo equipo de fútbol da Sampdoria, na liga italiana.

"A súa saída do país non se frustrou debido á vontade do condenado, senón que a fichaxe frustrouse polas queixas dos afeccionados do club italiano en atención aos antecedentes e ao delito perpetrado", subliña o letrado Iván Bolaño, que achega como documental recensións da prensa deportiva.

Para a acusación particular, o futbolista "segue na procura de traballo fóra do país para ter un motivo e abandonar" España, o que "aumenta exponencialmente o risco de fuga e de incumprimento da condena imposta".

Interesa, así, ao TSXA que se sinale comparecencia do artigo 505 da Lei de Axuizamento Criminal para decidir sobre a entrada en prisión ou, subsidiariamente, a retirada do pasaporte.

Comentarios