Xustiza

Fiscalía pide anular a liberdade baixo fianza de Alves: "Hai un elevado risco de fuga"

Entende que se manteñen os motivos polos que se adoptou a prisión provisional do futbolista hai un ano, "mesmo con maior intensidade".
Dani Alves, durante o xuízo. (Foto: D.Zorrakino. POOL / Europa Press)
photo_camera Dani Alves, durante o xuízo. (Foto: D.Zorrakino. POOL / Europa Press)

A Fiscalía Provincial de Barcelona vén de recorrer a decisión da Audiencia de Barcelona de deixar en liberdade o ex futbolista Dani Alves se abona unha fianza dun millón de euros. Nun comunicado emitido esta sexta feira, explica que se presentou un recurso de súplica contra a resolución pola que se acorda modificar a medida cautelar de prisión provisional para Alves se paga a citada fianza.

O recurso baséase en considerar que se manteñen os motivos polos que se adoptou a prisión provisional do futbolista hai un ano, "mesmo con maior intensidade á vista de que Alves foi condenado como autor responsábel dun delito de agresión sexual á pena de 4 anos e 6 meses de prisión, máis aínda tendo en conta os recursos de apelación interpostos polo Ministerio Fiscal e a acusación particular e o horizonte penolóxico ao que se enfronta o procesado é de até 12 anos de prisión".

Por iso, consideran que debe prorrogarse a situación de prisión provisional até a metade da pena imposta, é dicir, 2 anos e 3 meses. "Existe un elevado risco de fuga, que entendemos que non pode mitigarse coas medidas alternativas fixadas no suto recorrido, á vista da falta de arraigamento de Alves ao noso país, e o arraigamento si existente co seu país de orixe [Brasil], país que non extradita nacionais en delitos de agresión sexual, e vista a súa elevada capacidade económica, así como a da súa contorna, que conlevan que o risco de fuga non quede mitigado polo depósito dunha fianza", destaca Fiscalía.

O futbolista pasará a fin de semana en prisión ao non consignar a fianza dun millón de euros esta sexta feira antes das 15 horas, cunha hora de marxe máis do habitual. A Audiencia de Barcelona aceptara a pedimento da defensa de Alves alongar até as 15h o prazo para depositar a fianza, que normalmente remata ás 14 horas, cando fecha a secretaría do tribunal.

Comentarios