A Galiza dá un paso máis para acoller o Mundial 2030

Técnicos da RFEF visitan as posíbeis subsedes.
Riazor (na imaxe) e Balaídos optan a recibir a Copa do Mundo. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Riazor (na imaxe) e Balaídos optan a recibir a Copa do Mundo. (Foto: RC Deportivo).

A carreira por ser sede do Mundial de Fútbol do ano 2030 continúa aberta e con todas as opcións intactas para A Coruña e Vigo, as dúas cidades que confirmaron o seu desexo de acoller partidos da cita mundialista. 

A FIFA, a través da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), segue recollendo información das candidaturas antes de tomar a decisión final, e esta vez foi a quenda de analizar a proposta trasladada pola Real Federación Galega de Fútbol (Futgal).

Na mesma, o organismo presentou unha serie de campos que complementarían as sedes principais de Riazor e Balaídos, recintos en calidade de subsedes, e por iso ao longo desta semana varios técnicos da RFEF visitarán a Galiza para inspeccionalas de primeira man e comprobar se respectan as esixencias internacionais. 

A proposta inclúe estadios distribuídos por todo o país, todos eles de céspede natural: A Malata (Ferrol), o Ángel Carro (Lugo), A Magdalena (Vilalba), Ponte dos Brozos (Arteixo), Pasarón (Pontevedra), o Verónica Boquete (Santiago de Compostela), O Couto (Ourense), A Senra (Ribadumia), Vista Alegre (Ordes), Burgáns (Cambados), Baltar (Sanxenxo) e Pardellas (Ponteareas), ademais das cidades deportivas do Celta e o Deportivo en Mos e Abegondo, respectivamente.

Deste modo, os técnicos da Federación Española visitarán esta terza feira as instalacións da Afouteza, Pardellas, Pasarón e Baltar. Para a cuarta están previstas as visitas aos terreos de xogo de Burgáns, A Senra, Vero Boquete, Vista Alegre, Ponte dos Brozos  e Abegondo, continuando este tour na quinta feira en Ferrol e Vilalba e concluíndo na sexta en Ourense e Lugo.

Galiza-A Mancha na Copa das Rexións UEFA

A campioa xa coñece o seu camiño cara a gloria. A selección galega, vixente campioa de España e de Europa, coñeceu onte o seu rival nas semifinais da Fase Final nacional da Copa das Rexións UEFA. 

Os de Iván Cancela, tras eliminar na Fase Intermedia a Asturias, loitarán por unha praza na gran final estatal ante a selección de Castela A Mancha. O choque está programado para o 17 de marzo na Cidade do Fútbol das Rozas (Madrid), e o seu rival na teórica final sairá do vencedor do duelo entre Andalucía e Aragón. 

Comentarios