Peleteiro saltará en Madrid por un posto no Mundial

A galega aínda non alcanzou a marca mínima.
O prazo para que chegue aos 14,55 metros remata o 30 de xullo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O prazo para que chegue aos 14,55 metros remata o 30 de xullo. (Foto: Nós Diario)

O Estadio de Vallehermoso acolle mañá o Meeting de Atletismo de Madrid, un certame da categoría Silver do Continental Tour do World Athletics que atraerá unha boa constelación de atletas de primeiro nivel.

As máis importantes son dúas galegas: Ana Peleteiro e Adrián Ben, que foron madriña e padriño nun acto de presentación que terá lugar a partir das 12.30 horas de hoxe.

Peleteiro sabe que está ante unha das súas últimas oportunidades para obter a marca mínima para ser parte do Campionato do Mundo que se desenvolverá en Budapest (Hungría) do 19 ao 27 de agosto, xa que o período clasificatorio remata o 30 de xullo, coincidindo co Campionato de España de Torrent (Valencia).

Pouco máis de 30 días despois do seu regreso logo de 15 meses de parada obrigada a causa da maternidade, a de Ribeira alcanzou os 14,13 metros no triplo salto, aínda por debaixo das mínimas esixidas pola Federación Española (14,125) e a World Athletics (14,52). 

Adrián Ben, pola súa parte, chega a Vallehermoso coa confianza de saber que ten un posto garantido no Mundial desde hai un mes, polo que encara con outra perspectiva unha carreira nos 800 metros na que promete protagonizar un interesante duelo con Mariano García.

26 atletas da Galiza serán da partida no Estatal Sub-20

Un total de 26 galegas e galegos tomarán parte esta fin de semana no Campionato de España Sub-20 que terá lugar na cidade de Soria.

Entre a relación de participantes estarán as internacionais e subcampioas estatais de pista cuberta Xiana Lago (peso e disco) e Lucía Sánchez del Valle (probas combinadas). 

Desa mesma cita invernal desenvolta en Sabadell tamén estarán as medallistas estatais Isabel Caeiro (favorita nos 3.000 obstáculos), Fernando Vallines (no concurso de peso) e a lucense Emma Sihuang (salto de altura).

Outro dos focos de atención do campionato estará no círculo de martelo coa presenza de Blanca Pereira como gran candidata ao ouro, emerxendo tamén como posíbeis medallistas Pedro Vázquez nos 3.000 metros e Xoel Otero nas combinadas.

Finalmente, Alba Cuns (triplo salto), Ainhoa Repáraz (hectómetro) e David Vicente (110 valos) poderían dar a sorpresa.

Comentarios