COPA DO MUNDO DE FÚTBOL

Sudáfrica e Arxentina empatan e quedan cun pé fóra do Mundial

Ambas as seleccións quedan pendentes do Suecia-Italia deste sábado.
Arxentina e Sudáfrica empataron hoxe a dous. (Foto: AFA)
photo_camera Arxentina e Sudáfrica empataron hoxe a dous. (Foto: AFA)

Complícanse as opcións de Sudáfrica e Arxentina no grupo G do Mundial. Após perderen os seus respectivos partidos na primeira xornada fronte a Suecia e Italia, ambas as seleccións non pasaron esta sexta feira do empate. Comezaron adiantándose as africanas, no minuto 30, da man de Linda Molthalo. E na segunda parte, cando restaba menos de media hora para o final, Thembi Kgatlana, autora da asistencia do primeiro gol, ampliou a vantaxe a dous.

Porén, a albiceleste reaccionou e Sophie Braun acurtou distancias no 74 para que cinco minutos despois Romina Núñez puxese as táboas no marcador. Pendentes do que aconteza este sábado no Suecia-Italia (9.30 horas), Sudáfrica e Arxentina marchan terceira e cuarta cun só punto.

No grupo D, un gol temperán de Lauren James deu o triunfo a Inglaterra ante Dinamarca (1-0). Segunda vitoria pola mínima das inglesas que as sitúa líderes con seis puntos a falta dunha xornada. As dinamarquesas, segundas con tres, decidirán o pase a oitavos de final no partido decisivo fronte a Haití (1 de agosto, 13 horas), que esta sexta feira caeu fronte a unha China (1-0) que agora é segunda cos mesmos puntos que Dinamarca. A pesar da expulsión de Zhang Rui no minuto 29, as chinesas repuxéronse e venceron grazas a un penalti no 74 que conseguiu transformar Wang Shuang.

Este sábado é a quenda, alén do partido inicial entre Suecia e Italia, dos dous encontros desta segunda xornada no grupo F: o Panamá-Xamaica (14.30h) e un dos enfrontamentos de maior nivel no que vai de torneo, o Brasil-Francia (12h). As cariocas chegan na primeira posición após vencer Panamá no primeiro partido cun contundente catro a cero, mentres o equipo galo asinou un empate sen goles ante Xamaica.

Comentarios