Tere Abelleira fai historia e xogará as semifinais da Copa do Mundo

A futbolista galega está sendo das mellores do torneo
"É unha felicidade inmensa, merecémolo", sinalou a centrocampista, moi emocionada, no pos partido. (Foto: EP).
photo_camera "É unha felicidade inmensa, merecémolo", sinalou a centrocampista, moi emocionada, no pos partido. (Foto: EP).

Histórico. Non por manido o cualificativo é menos axeitado para definir a magnitude da fazaña conseguida en Oceanía por Tere Abelleira, que tornou na primeira xogadora galega que xogará unhas semifinais da Copa do Mundo.

Nada nove días despois de que comezase o novo milenio -o 9 de xaneiro de 2000-, a líder da xa non futura, senón presente xeración de talentos futbolísticos da Galiza, logrou, xunto coas súas compañeiras do combinado estatal, avanzar até o último chanzo antes da finalísima após eliminar os Países Baixos (2-1).

E iso que as neerlandesas, subcampioas na última edición do certame, chegaban como favoritas a un partido que se tivo que decidir nunha tensa prórroga onde sentenciou un gran gol de Salma Paralluelo.

Ao equipo dirixido polo sempre polémico Jorge Vilda, que acertou apostando por Abelleira durante os 120 minutos de encontro pero volveu decepcionar coa súa xestión do tempo do partido e das substitucións, custoulle acabar coa resistencia da campioa de Europa de 2017.

Sometida, Países Baixos, non obstante, e coa imprescindíbel colaboración dos paus, foi quen de resistir aos repetidos intentos de Alba Redondo, Esther González ou Mariona Caldentey, chegando ao tempo de descanso co resultado gafas, 0-0.

Seguindo o guión tradicional do fútbol, quen perdoa paga, e após resistir o asedio das de camiseta vermella, Países Baixos reaccionou e meteu o medo no corpo a Abelleira e as súas compañeiras en forma de penalti finalmente anulado pola colexiada Stephanie Frappart tras consultar o VAR.

Si que concedería, non obstante, o cometido por Van der Gragt, que golpeou o balón coa man, no minuto 80. Caldentey, moi acertada, perforou as redes da meta defendida por Van Domselaar, mais Vilda ordenou botarse atrás e as holandesas sacaron rédito da covarde estratexia do preparador madrileño e subiron o empate ao marcador da man da autora do penalti anterior, Van der Gragt, xa no tempo engadido.

Abocadas á prórroga, e cunha Tere Abelleira xigante no medio do campo, Jorge Vilda introduciu xogadoras de refresco, dando entrada no Sky Stadium de Welllington, que congregou 32.021 espectadores e espectadoras, a Eva Navarro e á dúas veces Balón de Ouro Alexia Putellas. Con todo, foi un cambio anterior, Salma Paralluelo -quen entrara en substitución de Alba Redondo no minuto 71- quen, xa no '111, anotou o definitivo 2 a 1 de disparo cruzado logo dunha soberbia xogada contra o ataque.

Suecia, rival da selección española nas semifinais

A selección de Suecia será o rival o vindeiro martes de España nas semifinais do Mundial de Australia e Nova Zelandia despois de vencer onte por 2-1 ao Xapón, tras un partido dominado comodamente polas suecas salvo no tramo final.

O equipo europeo chegaba ao duelo tras eliminar a gran favorita, Estados Unidos, nunha apoteótica quenda de penaltis, pero nestes cuartos de final tiña enfronte a un rival que chegaba a esta cita como o equipo máis goleador do campionato e como o único con pleno de vitorias.

Porén, e a diferencia do outro choque de cuartos, nesta ocasión si que se impuxo o combinado favorito, vencendo por 2-1. Os dous goles de Amanda Ilestedt e Filippa Angeldal foron unha barreira demasiado grande para unhas nipoas que reduciron distancias no '87 (Hayahashi).

Comentarios