Tere Abelleira, a mellor xogadora do Mundial

Estatisticamente foi a 'MVP' do Campionato do Mundo.
Abelleira non esqueceu exhibir a bandeira galega instantes posteriores de derrotar Inglaterra na finalísima (1-0). (Foto: Europa Press).
photo_camera Abelleira non esqueceu exhibir a bandeira galega instantes posteriores de derrotar Inglaterra na finalísima (1-0). (Foto: Europa Press).

Advertíase nestas mesmas páxinas de deportes de Nós Diario que se esgotaban os adxectivos para cualificar a magnitude da fazaña que Tere Abelleira estaba completando no Mundial de fútbol de Australia e Nova Zelandia. E iso que aínda non disputara a final, porque despois de proclamarse campioa, e de realizar un intenso barrido polo dicionario da Real Academia Galega, pódese confirmar que non hai palabra no idioma do país para definila.

Talvez a alemá märchenhaft -que viría a significar algo similar a "de conto de fadas"- chegue onde lendario, histórico, magnífico ou xenial non alcanzan. Porque non só é que Tere Abelleira lograse levantar a Copa, sendo titular indiscutíbel -por suposto, tamén na final na que se impuxo a Inglaterra xunto co resto das súas compañeiras do combinado estatal por un gol a cero-, senón que foi, estatisticamente, a mellor do torneo.

Ese premio á 'MVP' que debeu ser para a galega a organización decidiu entregarllo a Aitana Bonmatí, ironías do destino, unha das tres futbolistas que regresaron á disciplina da selección española despois de protagonizar a coñecida como Rebelión das 15 mulleres que dixeron basta ante as actitudes e os métodos empregados polo técnico Jorge Vilda e, ademais, a filla de Vicent Conca, un denunciante de torturas por parte da Policía do Estado español logo da súa detención por presunta pertenza a Terra Lliure no marco da Operación Garzón.

Porque, segundo as cifras que achega a aplicación Sofascore, a número 1 en datos futbolísticos,  Tere Abelleira foi a mellor pasadora do Campionato do Mundo, repartindo unha asistencia de gol e 26 pases con éxito, eido no que estivo especialmente brillante, como indica o seu 87,1% de porcentaxe de acerto. Ademais, foi a segunda con máis duelos gañados (59 sobre 94) e o seu único gol, sobre Zambia na primeira rolda, conta con moitas opcións de ser declarado no seu momento como o máis bonito que se anotou no certame.

Homenaxe en Pontevedra

O triunfo mundialista de Tere Abelleira foi seguindo de forma masiva na súa terra natal, tanto desde domicilios particulares -este España contra Inglaterra da final de Sidney xa é o partido feminino máis seguido na historia do Estado, con  5,6 millóns de persoas pegadas de media á pequena pantalla e un share de 65,7% a pesar de ser ao mediodía dun domingo- como nos bares ou nalgunha das múltiples pantallas xigantes instaladas en localidades como Sanxenxo, Poio, A Coruña ou a cidade natal de primeira campioa do mundo nada na Galiza, Pontevedra.

Na Boa Vila, a maiores, o seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xa comunicou que organizará unha homenaxe á flamante campioa cando sexa posíbel: "Estamos agardando a que volva a Pontevedra para facerlle unha recepción na que queremos que toda a cidade estea presente e manifeste o noso orgullo".

O rexedor, ademais, expresou a súa felicidade polo logro da súa paisana, "que pon Pontevedra no mapa". "Ela, formada en Pontevedra nas categorías de base, tras proclamarse campioa do munxo xa é a mellor xogadora de fútbol que ten a nosa cidade", concluíu Fernández Lores. 

O presidente da Federación enfastía a festa de celebración

O presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luís Rubiales, debería ter Polémica e non Béjar como segundo apelido, pois o escándalo o acompaña alá onde vai. O último tivo lugar durante a gran final da Copa do Mundo, onde tras protagonizar un espectáculo impropio no palco de autoridades -incluíndo saltos, berros e un xesto obsceno agarrando os testículos a modo de celebración despois do asubío final, co agravante de atoparse a carón dunha menor de idade, a infanta Sofía de Borbón-, agarrou coas dúas mans a cabeza da futbolista española Jenni Hermoso e bicouna nos beizos.

Este xesto provocou unha gran crítica política, solicitando algúns líderes a súa dimisión -caso de Irene Montero- e outros -como o ministro Iceta- unhas "escusas" que Rubiales publicou onte nun vídeo.

Comentarios