4.441 empresas con actividade na Galiza non pagan os seus impostos no país

185 empresas abandonaron Galiza no exercicio de 2022. A fuga de compañías galegas cara a outras partes do Estado español volveu medrar un ano máis, tras rexistrar a saída de 91 sociedades na anualidade anterior. 4.441 empresas con actividade na Galiza pagan os seus impostos en Madrid

O complexo industrial de Ence, en Lourizán, na Ría de Pontevedra. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ence é unha das compañías con actividade na Galiza que paga os seus impostos en Madrid (Foto: Xaquín Soliño).

O número de sociedades galegas con sede fiscal en Madrid non deixa de incrementarse. Segundo os datos achegados onte polo Instituto Galego de Estatística (IGE), en 2022, último ano con cifras, 4.441 empresas con actividade na Galiza tributaron na capital do Estado, cuxa capacidade para atraer sociedades vese favorecida pola súa posición política.

As cifras fornecidas polo IGE indican que 3.735 empresas destas 4.441 desenvolven a súa actividade no sector servizos. A este respecto, 270 están presentes no ámbito da loxística, 231 na hostalaría, 219 na información e comunicación e 172 no sector das finanzas e seguros.

Os datos achegados polo IGE sinalan tamén que 359 compañías das 4.441 con sede fiscal fóra da Galiza operan no sector da industria e da enerxía, dedicándose 257 á industria manufactureira e 46 á xeración eléctrica, 308 na construción, con particular presenza das enxeñarías e empresas de obra civil e 39 na agricultura e na pesca.

O perfil empresarial

As compañías galegas con enderezo fiscal en Madrid adoitan ser aquelas cunha maior facturación e número de traballadoras e traballadores. Neste sentido, 3.771 delas son persoas xurídicas, adoptando a forma de sociedade de responsabilidade limitada 2.650, e de sociedade anónima 1.211. Asemade, só 286 delas, isto é 6,4% do total son persoas físicas, cifra que contrasta con aquelas empresas con sede na Galiza, onde 52% das empresas presentan esa fórmula xurídica.

O número de compañías emprazadas na Galiza a efectos fiscais ascende a 245.728 pero só 584 delas, arredor de 0,23% delas, superan os 100 empregados e empregadas. Pola contra, a porcentaxe de compañías con actividade no país e sede fóra está en 5,4%, sumando 244. Neste sentido, 139 delas declaran entre 100 e 250 asalariados e asalariadas, 55 entre 250 e 500 e 40 máis de 500 empregados e empregadas . Isto explicaría que en Madrid se asenten a efectos fiscais 44,5% das 1.000 maiores empresas do Estado, 50,4% das 500 máis grandes e 60% das 100 primeiras.

O sector industrial galego

O sector industrial galego é un exemplo paradigmático desta situación. Así, a factoría de aluminio e alumina do grupo Alcoa en San Cibrao (Cervo, A Mariña), único centro de traballo desta multinacional no Estado, con máis de 1.500 empregados de forma directa e indirecta e un consumo eléctrico que representa perto de 23% do total da Galiza, paga os seus impostos en Madrid, onde a compañía ten a súa sede fiscal.

A pasteira Ence, co seu principal centro de traballo instalado nas proximidades da ría de Pontevedra e con arredor de 400 empregados, fai efectivos a totalidade dos seus impostos en Madrid. Nesta liña, aparecen outros importantes complexos industriais como Xeal na Costa da Morte, Celsa na Laracha (Bergantiños) e Navantia en Ferrol ou as principais compañías enerxéticas do Estado, todas elas con importantes centros de xeración de electricidade na Galiza. As tres primeiras compañías en produción de electricidade na Galiza son Iberdrola, cunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts de orixe hidráulica e de 599,5 de carácter eólico; Naturgy, cunha potencia instalada de 1.120 megawatts hidráulicos e de 393,2 megawatts eólicos, e Endesa, con 375 megawatts hidráulicos e 262 eólicos.

O efecto sede

O denominado efecto sede, que prima e favorece as compañías con enderezo na capital do Estado, explica está lóxica. Neste sentido, o prestixioso Laboratorio de Análise de Políticas Públicas do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE) sinala que “o efecto sede “inclina a actuación das autoridades centrais a favor das empresas localizadas neste territorio ao realizar moitos máis contratos con elas en lugar de amosar a neutralidade territorial que sería exixíbel con todo o tecido empresarial”. Ao tempo, destaca que o apoio público á capital do Estado “reforza a tendencia á diverxencia entre Madrid e boa parte das rexións españolas”.

A lóxica da recadación fiscal no Estado

A recadación fiscal dos diferentes territorios do Estado atende a esta realidade, actuando no caso como un dos principais mecanismos para a descapitalización do país. Así, Madrid recadou en 2020, último ano con datos, máis de 49% de todos os impostos do Estado malia significar 19,3% do produto interior bruto (PIB) estatal. Nesta liña, ingresou en concepto do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) 30.754.millóns de euros, isto é 48,5% do total recadado no conxunto estatal, cuxa contía situouse para ese exercicio en 63.336 millóns de euros. Mentres tanto, a Galiza, cuxo PIB representou nesa anualidade 5,74% do Estado, só ingresou por IVE 4,20% do total español, isto é 2.663 millóns de euros. A historia repetiuse con todos e cada un dos tributos. Neste caso, polo Imposto de Sociedades, un tipo impositivo pensado para gravar os beneficios empresariais, a Galiza recadou 818 millóns de euros, ingresando a provincia de Madrid até 5.232 millóns de euros, isto é, 33,5% do total estatal, malia representar 19,3% da riqueza do Estado.

Outro tanto aconteceu cos Impostos Especiais, recadando por este concepto Madrid 15.901 millóns, o que representou 84,6% do total estatal, fronte a 84,2 millóns de euros, o que significou 0,5%.

A fuxida de empresas da Galiza marcou máximos en 2022

Até 185 empresas marcharon da Galiza durante o ano 2022. Segundo os datos fornecidos na xornada de onte polo Instituto Galego de Estatística (IGE), o país contaba no exercicio de 2021 cun total de 4.256 compañías con actividade na Galiza pero con sede social fóra do país. A este respecto, é 2022 o ano de toda a serie histórica achegada pola Administración galega, cuxa orixe se remonta a 2014, en que máis unidades de produción fuxiron da Galiza.

O Instituto Galego de Estatística sinalou para o ano 2021 que destas 4.256 compañías, 3.551 desenvolveron a súa actividade no sector servizos, 364 fixérono na industria e mais na enerxía, dedicándose un total de 264 compañías á industria manufactureira e 51 á xeración eléctrica, mentres que 295 se dedicaron á construción, con particular presenza das enxeñarías e empresas de obra civil; 208 empresas estaban orientadas á hostalaría, 199 á información e comunicación, 170 ao sector das finanzas e seguros e 46 á agricultura e á pesca.

A Galiza nunca declarou un número tan elevado de empresas con actividade no país e enderezo a efecto tributarios fóra del. Neste punto, desde o ano 2019, até 458 compañías deslocalizáronse a efectos fiscais cara a outros puntos do Estado español, pasando de 3.983 nesa anualidade a 4.441 na actualidade. Precisamente, o exercicio de 2019 é o único de toda a serie histórica onde o número de empresas con actividade na Galiza e sede fiscal fóra ficaron por baixo de 4.000 unidades de produción.

Comentarios