Abanca triplica os beneficios e gaña 428,6 millóns de euros até setembro

A entidade bancaria capta no Estado español e Portugal máis de 96.000 novos clientes e gaña cota de mercado en principais territorios e negocios.
Un home pasa diante dunha oficina de Abanca. (Marta Fernández / Europa Press).
photo_camera Un home pasa diante dunha oficina de Abanca. (Marta Fernández / Europa Press).

Abanca obtivo un beneficio atribuído de 428,6 millóns de euros nos nove primeiros meses do exercicio, o que supón un incremento de até 200,8% a respecto dos 142,5 millóns do mesmo período de 2022, segundo vén de informar a entidade á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). De acordo con esta información, o banco situou a súa ratio de rendibilidade en 13%, e isto sustentouse "no dinamismo do negocio retail e no seu sólido perfil financeiro".

A marxe de intereses da entidade que preside Juan Carlos Escotet aumentou 62,9%, até os 874,1 millóns de euros. Os ingresos por prestación de servizos creceron un 3,8%, até os 220,7 millóns de euros. A marxe básica aumentou un 46,1%, até os 1.094,8 millóns de euros e a marxe bruta ascendeu até os 1.114,1 millóns, un 41% máis. A entidade presenta ao remate do trimestre unha ratio de morosidade de 2,3% e un nivel de cobertura para estes activos de 75,3%. O custo do risco mantense, segundo asegura, "controlado", nun nivel de 0,24%.

"Dimensión ibérica"

Abanca reivindica ademais reforzar o seu posicionamento "como entidade de dimensión ibérica". A entidade captou no conxunto do Estado español e Portugal máis de 96.000 novos clientes e gañou cota de mercado nos principais territorios e negocios. A adquisición de Targobank reforza a presenza da entidade no arco mediterráneo e Andalucía. Aliás, o banco augura que contribuirá a "fortalecer liñas estratéxicas do negocio retail, como o crédito e os seguros, a xerar sinerxías en negocios estratéxicos como medios de pagamento, fóra de balance ou venda libre de seguros, e a incrementar a recurrencia e calidade do resultado".

Os depósitos minoristas de clientes aumentaron 8,3%. Estas cifras traducíronse en incrementos de cota de mercado de 18 puntos básicos no Estado español e 10 puntos básicos en Portugal. Abanca alcanza ao feche de setembro os 53.285 millóns de euros de depósitos minoristas de clientes. Este "dinamismo" da actividade obsérvase tamén nos negocios de fóra de balance e seguros. Respecto de setembro de 2022, os recursos fóra de balance creceron 13,7%, até os 13.402 millóns de euros. O banco xestiona a través do servizo de xestión discrecional de carteiras un volume superior aos 1.200 millóns de euros.

Pola súa parte, as primas de seguros xerais e vida risco creceron un 19,5% interanual, até os 442,0 millóns de euros. O crecemento é homoxéneo e por enriba de 10% nas principais liñas: 12% en automóbil e empresas, 11% en vida risco e 10% en pagos protexidos.

"Sólido perfil financeiro"

Abanca preséntase como "unha das mellores entidades do sector financeiro español por calidade e cobertura dos seus activos". As operacións ICO, formalizadas por un importe de 3.386 millóns para apoiar ao tecido económico, rexistran unha morosidade do 3,9%, segundo indica, "moi por baixo da media do sistema". En materia de solvencia, anótase un cociente de capital total do 17,3% un exceso de 483 puntos básicos e 1.528 millóns sobre requisitos.

"Cumpre anticipadamente o requirimento MREL para 2024, cun exceso de 231 puntos básicos se se ten en conta a última emisión de débeda levada a cabo en outubro", engade. Así, o cociente de crédito sobre depósitos minoristas está situada no 83,9% e Abanca dispón de 18.760 millóns en activos líquidos, "cifra equivalente a catro veces as súas vencimientos previstos de emisións".

A maiores, dispón dunha capacidade de emisión de cédulas de 5.811 millóns, o que deixa a súa posición total en 24.571 millóns. Reivindica "sólidos cocientes de liquidez", co 131% en financiamento neto estábel e 205% en cobertura de liquidez. Por outra parte, destaca que segue executando o seu plan de acción de banca responsábel e sustentábel 2021-2024 "contribuíndo substancialmente a mellorar a contorna onde opera".

Comentarios