Amancio e Sandra Ortega, Del Pino, Escotet e Roig repiten como os máis ricos do Estado

Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca, ascende até a cuarta posición cunha fortuna de 4.000 millóns de euros.
De esquerda a dereita, Amancio Ortega, Sandra Ortega, Rafael del Pino, Juan Carlos Escotet e Juan Roig. (Fotos: Europa Press)
photo_camera De esquerda a dereita, Amancio Ortega, Sandra Ortega, Rafael del Pino, Juan Carlos Escotet e Juan Roig. (Fotos: Europa Press)

Amancio Ortega e a súa filla Sandra, Rafael del Pino, Juan Carlos Escotet e Juan Roig Alfonso mantéñense un ano máis como as cinco grandes fortunas do Estado español, sumando un total de 102.700 millóns de euros de patrimonio, o que representa até 48% do total do ranking 'Os 100 españois máis ricos' da revista Forbes España. A suma das cen fortunas españolas en 2023 ascende aos 196.130 millóns de euros, o que supón un incremento de 37% a respecto do pasado ano.

Así, Amancio Ortega, accionista maioritario de Inditex, mantén o seu liderado nesta clasificación tras aumentar 53% a súa riqueza en comparación con 2022, e suma un patrimonio de 81.800 millóns de euros, equivalente a máis do dobre que o sumatorio do resto de fortunas que compoñen o 'top 10'. Tras el sitúase a súa filla Sandra Ortega, única muller entre os cinco primeiros postos da lista, cuxa fortuna crece até os 7.100 millóns de euros, cifra que contrasta coa que amasa a actual presidenta de Inditex, Marta Ortega, con 80 millóns de euros, que queda fóra do 'top 100'.

Pola súa parte, o presidente do xigante Ferrovial, Rafael del Pino, fecha o 'top 3' cunha fortuna valorada en 5.900 millóns de euros, mentres que Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca, ascende até a cuarta posición con 4.000 millóns de euros e o presidente de Mercadona, Juan Roig, é quinto con 3.900 millóns de euros. Escotet mercou Abanca a raíz da fusión das caixas galegas, Caixanova e Caixa Galicia, cuxo proceso culminado coa transformación en banco —a través de Novagalicia Banco— custou ás arcas públicas perto de 10.000 millóns de euros, dez veces máis que o prezo abonado polo empresario venezolano.

Nesta edición, Tomás Oliveira, propietario de Xeneral de Galerías Comerciales e segundo máximo accionista de Unicaja Banco, viu duplicada a súa fortuna até os 3.500 millóns de euros, o que lle permitiu ascender da décimo séptima á sexta posición, mentres que Leopoldo del Pino, accionista de Ferrovial e cun capital de 2.700 millóns de euros, sobe do décimo cuarto posto ao noveno.

Desta forma, completan o 'top 10' de fortunas españolas, os empresarios Daniel Maté, que se sitúa na sexta praza con 2.900 millóns de euros; Juan Abelló (2.900 millóns de euros), e o presidente de Mango, Isak Andic, que fecha no posto décimo cunha fortuna de 2.700 millóns de euros. Pola súa parte, o presidente de Acciona, José Manuel Entrecanales, que o pasado ano ocupou o posto 42, non aparece este ano nesta clasificación pola penalización que recibiu Acciona por parte dos investidores.

Unha de cada tres fortunas, de mulleres

Este ano figuran até 33 mulleres na lista de 'Os 100 españois máis ricos' de Forbes, o que supón unha caída de 20% con respecto ao ano pasado, onde se estivo a piques de rozar a equidade, con 59 eles e 41 elas. De novo, Sandra Ortega segue a ser a muller máis rica do Estado, aínda que nesta ocasión é a única que consegue estar no 'top 10' cun segundo posto, mentres que María del Pino e Alicia Koplowitz, ambas as dúas cun patrimonio de 2.500 millóns de euros, sitúanse nos postos duodécimo e décimo terceiro, respectivamente.

Hortensia Herrero, a muller de Juan Roig, fica no posto décimo quinto con 2.200 millóns de euros, mentres que a presidenta de Coca-Cola Europacific Partners, Sol Daurella, ocupa o décimo sexto con 2.000 millóns de euros. A riqueza total das mulleres españolas rolda os 47.000 millóns de euros, unha cifra 75,7% inferior á dos cen homes máis ricos, que acumulan 193.813 millóns de euros.

Catalunya e Madrid, á cabeza

Por territorios, máis da metade (57%) das grandes fortunas españolas tributan en Madrid ou en Catalunya, que se reparten en 28 para a capital española e 29 para Catalunya. Así, Madrid acumula unha riqueza de 38.548 millóns de euros, mentres que o territorio catalán, que conta con máis multimillonarios na clasificación, amasa unha de 26.102 millóns de euros, 48% menos, mentres que Galiza queda na terceira praza con nove grandes patrimonios, mentres que no cuarto posto empatan o País Valencià e Illes Balears, con sete fortunas cada unha.

Nadal e Alonso, entre os máis ricos

Ademais de grandes empresarios e accionistas, no ranking de Forbes tamén hai oco para o mundo da pintura ou a música. Así, Carmen Thyssen-Bornemisza figura na vixésimo cuarta posición das fortunas máis importantes do Estado con 1.400 millóns de euros, mentres o cantante Julio Iglesias cede nove postos cunha fortuna valorada en 750 millóns de euros, ata ocupar o número 49.

Malia non figuraren entre os 100 españois con maior fortuna, o tenista manacorí Rafael Nadal conta cun capital de 297 millóns de euros, o que o converte no máis rico de Balears, mentres o piloto de Fórmula 1 Fernando Alonso ocupa a segunda posición asturiana cun patrimonio de 270 millóns de euros e o futbolista Andrés Iniesta entra no sexto posto da comunidade manchega cunha riqueza de 100 millóns de euros.

Comentarios