O Banco de España demanda acceso ás oficinas bancarias no medio rural

O organismo alerta sobre a exclusión financeira.
Unha muller emprega un dos caixeiros móbeis de Abanca (Foto: Abanca).
photo_camera Unha muller emprega un dos caixeiros móbeis de Abanca (Foto: Abanca).

O Banco de España constatou que os municipios rurais de menos de 500 habitantes (un total de seis na Galiza) demandan oficinas bancarias, polo que as solucións de implantar puntos alternativos de acceso a efectivo e servizos bancarios non parecen ser efectivos para atallar a exclusión financeira resultante do fechamento das oficinas.

"A clientela tería percibido, en xeral, unha certa deterioración na accesibilidade aos servizos bancarios ao longo de 2022 nos municipios sen oficina estábel, pese ao aumento no número de puntos de retirada de efectivo nos devanditos municipios", recolle o Banco de España no Informe de seguimento sobre accesibilidade presencial dos servizos bancarios do ano 2023, que foi publicado esta quinta feira.

Desta maneira, o organismo supervisor das entidades financeiras indicou no seu informe que é necesario "atender non só a información polo lado da oferta, senón tamén a información polo lado da demanda para analizar a efectividade das distintas alternativas dispoñíbeis no deseño dos plans de actuación en materia de accesibilidade aos servizos bancarios".

Comentarios