Os beneficios da gran banca española aumentaron 21% no primeiro semestre

Abanca multiplica por 2,6 as ganancias entre xaneiro e xuño.
O conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, o presidente, Juan Carlos Escotet e o director xeral financeiro, Alberto de Francisco, esta sexta feira (Foto: Arxina).
photo_camera O conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, o presidente, Juan Carlos Escotet e o director xeral financeiro, Alberto de Francisco, esta sexta feira (Foto: Arxina).

Os grandes bancos do Estado español (Santander, BBVA, CaixaBank, Bankinter, Banco Sabadell e Unicaja Banco) rexistraron unhas ganancias agregadas de 12.385 millóns de euros no primeiro semestre deste ano, o que supón 20,7% máis con respecto ao mesmo período de 2022.

Estas ganancias víronse impulsadas pola suba de tipos de xuro que aplicaron os bancos centrais no último ano, especialmente o Banco Central Europeo (BCE), o que levou a disparar, na maioría dos casos, as marxes dos xuros destas entidades. Ao restar á cifra global de beneficios o negocio fóra do Estado de Santander, BBVA e Sabadell, as ganancias sitúanse nos 5.293 millóns de euros, case 50% máis que no primeiro semestre de 2022.

O mercado estatal volveu ser o motor dos beneficios do Grupo Santander, ao rexistrar un beneficio neto de 1.132 millóns de euros, 73,6% máis que entre xaneiro e xuño de 2022. BBVA anotouse a nivel do Estado unhas ganancias de 1.231 millóns de euros, 53,68% máis. CaixaBank fechou o primeiro semestre cun beneficio de 2.137 millóns de euros, 35,8% máis. Banco Sabadell gañou no primeiro semestre do ano 564 millóns de euros, 43,6% máis, cunha contribución de 106 millóns de euros da filial británica da entidade, TBS. Bankinter, pola súa parte, rexistrou un beneficio neto de 417,9 millóns de euros cun incremento de 54%. Por último, Unicaja Banco fechou o primeiro semestre de 2023 cun beneficio neto de 148 millóns de euros, o que supón un descenso de ganancias de 13%.

Abanca

A suba dos beneficios é especialmente relevante no caso da entidade bancaria con maior implantación na Galiza. Abanca rexistrou unha ganancia de 277,5 millóns de euros no primeiro semestre de 2023, o que supón multiplicar por 2,6 o que anotou no mesmo período de 2022 e un aumento de beneficios de 164,8%, segundo os resultados que presentou esta sexta feira a entidade.

A respecto do negocio, os depósitos de clientes creceron máis de 1.900 millóns no segundo trimestre e a concesión de crédito aumentou 7,9% en termos interanuais. A entidade superou as 66.000 altas de clientes no primeiro semestre de 2023, e Portugal, que para Abanca ten "un valor estratéxico", supón 43% do incremento de persoas usuarias. O seu volume de negocio total, incluíndo a compra de Targobank no mes de febreiro, supera os 114.000 millóns.

O presidente da entidade, Juan Carlos Escotet, recoñeceu que Abanca se viu beneficiada polo aumento dos tipos de xuro, pois "evidentemente" xera unha "tendencia" para amortizar "en forma acelerada" os préstamos.

Así mesmo, e a pesar de ter multiplicado por 2,6 os seus beneficios nun contexto de crise inflacionista, Escotet cargou contra os impostos especiais sobre a banca. "Fomos moi claros. Recorremos por considerar que non é constitucional. Ese recurso [presentado contra o imposto especial á banca xunto a outras entidades financeiras] está en trámite, claramente estamos en desacordo co mesmo [co imposto], entre outras cousas porque supón un agravio comparativo importante co resto da banca europea", advertiu o presidente da entidade financeira con maior implantación na Galiza.

Escotet apraza até setembro a venda de Nova Pescanova

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, informou de que a entidade financeira retomará en setembro as negociacións sobre a venda da súa participación de 80% en Nova Pescanova, á vez que cualificou de "indispensábeis" os cambios realizados no Deportivo da Coruña.

Respecto da primeira operación, que recoñece de "alta complexidade", Escotet sinalou que Nova Pescanova "vai especialmente ben este ano", o que permitiu ao banco "non ter ningún tipo de présa". "Aproveitamos o receso estival para tomarnos esta pausa e retomaranse as negociacións en setembro", destacou. En calquera caso, apuntou que van oito anos de "esforzo" por "tratar de salvagardar a viabilidade da compañía e manter a matriz e as filiais integradas". A "firme vontade" do banco é a de "manter o emprego e a sede na Galiza", concluíu Escotet.

Comentarios