Cal é clave da reforma do sistema eléctrico? Mantén o sistema marxinalista que prioriza o prezo das enerxías máis caras?

A Comisión Europea publicou esta quinta feira a normativa.
A vicepresidenta terceira e ministra española para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta terceira e ministra española para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

A Comisión Europea publicou esta quinta feira a proposta consolidada da reforma do mercado eléctrico, que proclama como a súa principal intención dar estabilidade ao prezo desta enerxía no territorio da Unión Europea (UE). Mais o certo é que a normativa aprobada polos ministros e ministras da UE a pasada terza feira mantén intacto o sistema marxinalista de fixación do custo da electricidade, polo que continuarán os chamados "beneficios caídos do ceo". 

Este método supón que a tecnoloxía de xeración que entra en último lugar na poxa de fornecemento de enerxía eléctrica ao sistema é a que marca o custo para o resto de oferta no 'mix' en cada unha das horas do día.

A principal ferramenta para evitar a volatilidade dos prezos serán os contratos por diferenza, nos que cada Estado acorda cos xeradores un prezo fixo de compravenda da electricidade nun prazo determinado. Pasado ese período, a parte que teoricamente saíu beneficiada, devolverá a diferenza en función de se o prezo real foi máis alto ou baixo do que foi estipulado.

Desta maneira, preténdense evitar os picos nos prezos, mais as empresas aseguran os beneficios do sistema marxinalista. Agora está nas mans de cada Estado a forma na que introduce os contratos por diferenza, e fica por ver se realmente se consegue a estabilidade nos custos e se o sistema é rendíbel para as persoas usuarias no medio prazo, pois prezos estábeis non é sinónimo de custos baixos.

Con todo, a inestabilidade do mercado eléctrico actual (á espera de coñecer os resultados da reforma do mercado eléctrico) é un feito. Así, só nesta semana, as familias galegas experimentaron a segunda feira o custo eléctrico máis alto desde o comezo de marzo (de 141,05 euros por megawatt á hora), mentres que esta sexta feira rexistrarase o máis baixo desde mediados de abril (23,12 euros por megawatt).

Por outra parte, esta quinta feira tamén se coñeceu que os carburantes baixaron na última semana, cunha caída do prezo do litro de gasolina de 2,3% e un descenso do custo do de gasóleo de 1,5%.

Comentarios