A CNMC investiga tres petroleiras por prácticas anticompetitivas

Repsol, Cepsa e BP son acusadas de pactar descontos no prezo dos combustíbeis.
A evolución do IPC na Galiza dos alimentos e bebidas non alcólicas acumula 38 de incrementos interanuais consecutivos (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A evolución do IPC na Galiza dos alimentos e bebidas non alcólicas acumula 38 de incrementos interanuais consecutivos (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) abriu unha investigación a operadores activos no sector enerxético do Estado español por posíbeis prácticas anticompetitivas.

Fontes coñecedoras indicaron que a investigación se centra no sector dos carburantes tras as denuncias presentadas por pequenos operadores por posíbeis pactos das grandes petroleiras -Repsol, Cepsa e BP- para iniciar desde hai uns meses unha campaña agresiva de descontos.

Entre os pasados 28 de novembro e 2 de decembro, a CNMC inspeccionou a sede de varios operadores no marco dunha información aberta tras a presentación de varias denuncias.

Fontes de Repsol e Cepsa confirmaron as inspeccións por parte do regulador de competencia e sinalaron que puxeron ao dispor do organismo supervisor a información requirida e ofreceron a súa colaboración. Así mesmo, mostraron o seu "pleno convencemento" na súa correcta actuación en materia de competencia e no cumprimento da lexislación.

En caso de confirmarse a existencia de prácticas anticompetitivas, poderían constituír unha infracción dos artigos 1 e 2 da Lei de Defensa da Competencia e 101 e 102 Tratado de Funcionamento da Unión Europea (UE), segundo sinalou o organismo.

Se como resultado da inspección se atopasen indicios de prácticas prohibidas pola Lei de Defensa da Competencia e polo Tratado de Funcionamento da UE, procederase á incoación formal dun expediente sancionador.

En marzo, anticipándose mesmo á bonificación de 20 céntimos por litro aprobada polo Goberno -que entrou en vigor o 1 de abril-, estas grandes petroleiras comezaron a aplicar xa descontos na venda de carburante nas súas estacións de servizo, que despois foron adicionais a esa subvención, a través dos seus distintos programas de fidelización.

Varias compañías de gasolineiras de 'baixo custo' mostraron a súa intención de denunciar á CNMC este comportamento das grandes do sector ao considerar que existía un pacto para desenvolver estas campañas e acabar así coa competencia no sector.

Comentarios