Confírmase a reactivación do mercado da vivenda ante as expectativas de baixada dos tipos de xuro

A sinatura de hipotecas constituídas sobre vivendas disparouse na Galiza 34,4% o pasado febreiro respecto ao mesmo mes de 2023.
Vivendas no interior da cidade de Lisboa, a capital lusa (Foto: camaralucida1).
photo_camera Vivendas no interior da cidade de Lisboa, a capital lusa (Foto: camaralucida1).

A sinatura de hipotecas constituídas sobre vivendas disparouse na Galiza 34,4% o pasado febreiro respecto ao mesmo mes de 2023, até os 1.363 préstamos, segundo os datos publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Desta maneira, a Galiza experimentou un aumento moi superior ao da media estatal, xa que no conxunto do Estado as hipotecas sobre vivendas creceron 3,8% no segundo mes do ano, con 37.232 unidades.

Con todo, a sinatura de hipotecas experimentou unha caída con respecto ao mes de xaneiro, de 3,5%. Un descenso que contrata co aumento experimentado no conxunto do Estado español, de 12,5%.

Importe concedido

O importe concedido para as hipotecas sobre vivendas na Galiza superou en febreiro os 139,7 millóns de euros, 19% máis que un ano antes, a pesar de que no Estado español caeu 1,6% interanual, até os 5.068 millóns.

En total, na Galiza o número de préstamos sobre o conxunto de predios chegou aos 1.831, 28,9% máis que hai un ano, cun importe de máis de 200 millóns de euros, 5,7% máis. Destes, 40 eran predios rústicos e 1.791, urbanos, das cales 1.363 eran vivendas.

Expectativas de baixada dos tipos de xuro

Neste sentido, semella que o anuncio dunha máis que probábel baixada dos tipos de xuro por parte do Banco Central Europeo (BCE) na súa vindeira reunión do Consello de Goberno da institución do mes de xuño ten provocado unha reactivación do mercado da vivenda.

Comentarios