A construtora ACS foi a principal adxudicataria da Xunta da Galiza no ano 2023

O grupo madrileño está dirixido polo presidente do Real Madrid, Florentino Pérez.

Florentino Pérez é o presidente do Real Madrid (Foto: Europa Press).
photo_camera Florentino Pérez é o propietario do grupo ACS, primeiro en obra pública na Galiza (Foto: Europa Press).

ACS volveuse colocar un ano máis como o principal adxudicatario de obra pública da Xunta da Galiza. O grupo construtor madrileño presidido polo mandatario do Real Madrid, Florentino Pérez, sumou en 2023 en contratos do Goberno galego 51,2 millóns de euros.

A compañía apareceu como un dos grandes doantes do PP galego na documentación entregada en 2013 polo ex tesoureiro da formación, Luis Barcenas, ao maxistrado da Audiencia Nacional, Pablo Ruz.

Dragados

Dragados, unha das sociedades do conglomerado de Pérez, fíxose o ano pasado, dentro dunha unión temporal de empresas (UTE) coas construtoras pontevedresas San José e Ramírez, coas obras de ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

A contía do contrato ascendeu a 70,5 millóns de euros, correspondéndolle á compañía do grupo ACS arredor de 28 millóns de euros, ao controlar 40% do capital da UTE.

Vías e Construcións

Vías e Construcións, outra filial do grupo empresarial do presidente do Real Madrid, recibiu a adxudicación das novas obras da autovía AG-59. Neste caso, trátase dun tramo de máis de tres quilómetros entre as parroquias da Ramallosa e Pontedevea, no concello de Teo.

O volume total da actuación ascende a 27,1 millóns de euros, ficando para a compañía do grupo ACS 23 millóns de euros, ao posuír 85% da UTE beneficiada polo Goberno galego.

ACS veu ser, tamén, a construtora máis favorecida polos contratos do Estado na Galiza no período de 2005 a 2022. Neste caso, facturou por obras executadas no país 851,3 millóns de euros, que representa 7,82% do total do adxudicado.

Comentarios