Duplícanse os concursos de particulares pola súa débeda: 1.142 persoas entraron en quebra

Por outra parte, o número de execucións hipotecarias iniciadas na Galiza o ano pasado aumentou 5,2% con respecto a 2022.
Sinatura dunha hipoteca. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Sinatura dunha hipoteca. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Os concursos presentados nos órganos xudiciais galegos rexistraron en 2023 un aumento de 58,6% respecto ás mesmas datas de 2022. En total, na Galiza solicitáronse 1.829 concursos, dos cales a gran maioría -1.442- corresponderon a persoas naturais sen actividade empresarial, é dicir particulares con débedas.

Este tipo de concurso incrementouse no período estudado 106,3% (sendo máis do dobre que os de 2022), segundo os datos estatísticos feitos públicos esta cuarta feira polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), mentres que os de persoas xurídicas -empresas- descenderon 4,7%, pois sumaron 262. Os de persoas naturais empresarias tamén baixaron (-30,2%), cun total de 125 fronte aos 179 de 2022.

Ademais, os xulgados galegos practicaron o ano pasado 1.171 desafiuzamentos, 24,6% menos que en 2022. Deles, 963 (82,2%) foron consecuencia de procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU), por falta de pagamento de aluguer, os cales descenderon 22,3%. Outros 164 corresponderon a execucións hipotecarias (40,8% menos que en 2022) e os 44 restantes derivaron doutras causas.

Con todo, o número de despexos segue sendo maior, con diferenza, que o do número de demandas por ocupación ilegal de vivendas en casos nos que as propietarias son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social,  cun total de 97, o que implica 4% menos que no ano 2022.

As execucións hipotecarias medran 5,2% nun só ano

O número de execucións hipotecarias iniciadas na Galiza o ano pasado aumentou 5,2% con respecto a 2022. No período estudado presentáronse 771 procedementos para exixir o pagamento das débedas garantidas por peza ou hipoteca ás entidades acredoras, fronte aos 733 que foron rexistrados durante o exercicio anterior.

Por outra parte, entre xaneiro e decembro de 2023 os xulgados ingresaron 6.766 accións individuais sobre condicións xerais incluídas en contratos de financiamento con garantías reais inmobiliarias cuxa prestataria sexa unha persoa física (cláusulas solo), o que supuxo un aumento interanual de 39,6%. Pola contra, diminuíron as sentenzas a este respecto, con 5.570, o que supón 12,8% menos que no exercicio previo.

Comentarios