Escotet insiste, após ter Abanca récord en beneficios, en criticar o "daniño" imposto á banca

Di que o seu efecto "no crédito e na competitividade son claramente daniños".
O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet (Abanca / arquivo).
photo_camera O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet (Abanca / arquivo).

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, insistiu nas súas críticas ao imposto á banca, do que "francamente" non fai "unha boa valoración", xa que "o efecto no crédito e na competitividade son claramente daniños".

A preguntas da prensa na presentación de resultados de 2023, ano récord de beneficios en Abanca ao alcanzar 711 millóns, sobre a posibilidade de que o Goberno estatal faga permanente o imposto á banca, Escotet apuntou ao "efecto que isto pode ter no crédito especialmente", así como a "unha perda de competitividade" co resto dos bancos europeos, o que "dalgunha forma explica" que os bancos cotizados españois na comparativa con Europa "teñan cotizacións a valor libro inferiores á media do sector ou dos mercados europeos", o cal "ten a súa orixe neste tipo de decisións".

Con todo, valora que "hai un espazo de negociación" co Goberno estatal. "Confiamos en que para os exercicios sucesivos isto desapareza", asegura o presidente de Abanca. Lembra que este imposto foi recorrido ante o Supremo e seguirá o seu trámite no Constitucional.

Precisamente, en relación co recente encontro mantido co ministro de Economía, Carlos Cuerpo, Escotet dixo: "Pois a verdade é que a reunión foi francamente ben. Nós celebramos e apoiamos todo este tipo de encontros. Ter unha oportunidade, unha instancia para poder facer un intercambio fluído, profesional e transparente, pois sempre é algo que claramente nos motiva".

"Expuxemos todo tipo de temas do sector e, efectivamente, as nosas diferenzas sobre a renovación que se fixo do imposto, pois tamén esperemos que moitos dos comentarios sexan tomados en conta", asegurou en relación coa reunión co ministro de Economía.

Por outra parte, a preguntas da prensa sobre que política de repartición de dividendos seguirá Abanca após bater a súa marca de beneficios en 2023, o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, aseverou que "seguirá sendo conservadora".

Comentarios