Madrid é a comunidade autónoma máis beneficiada polo investimento estatal

O Estado deixou de investir na Galiza 1.400 millóns entre 2015 e 2020.
Os datos do Ministerio de Facenda desmenten as afirmacións de Isabel Díaz Ayuso sobre un "maltrato" do Estado a Madrid. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Os datos do Ministerio de Facenda desmenten as afirmacións de Isabel Díaz Ayuso sobre un "maltrato" do Estado a Madrid. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A liquidación do orzamento de 2021 que se vén de publicar volve certificar que Madrid é o territorio máis favorecido polo investimento público estatal. Mentres a comunidade presidida por Isabel Díaz Ayuso recibiu das contas públicas 84% máis do orzado, as achegas á Galiza foron 33% inferiores ás previstas nas contas. A capital do Estado resulta, un ano máis, gañadora.

O informe do Ministerio de Facenda da distribución territorial do investimento do sector público de 2021 deixa unha panorámica semellante á doutros exercicios. Neste sentido, destaca que Madrid recibiu 2.086 millóns de euros, non recolléndose nesta contía as partidas destinadas a determinadas dotacións localizadas na capital do Estado, como por exemplo o Museo do Prado ou o Museo reina Sofía, financiadas a cargo dos orzamentos estatais.

Madrid

O gasto público en Madrid triplica o previsto nas contas de 2021. Estas recollían un investimento na capital do Estado de 1.134 millóns de euros. Porén, a cifra final alcanzou 2.086 millóns de euros. Os datos da comunidade presidida por Ayuso contrastan coa da práctica total doutros territorios, colocándose á cola do investimento estatal Catalunya.

O Goberno do Estado investiu na Galiza 260 millóns de euros menos do comprometido no orzamento de 2021. Así, as contas públicas fixaban un gasto de 793 millóns de euros mais finalmente ficou en 533 millóns, isto é 198 euros por habitante. Malia que o nivel de execución orzamentaria foi superior a 2020, estivo catro puntos por baixo de 2019.

A execución orzamentaria fica en mínimos

O Estado investiu na Galiza, entre 2015 e 2020, 1.400 millóns de euros menos do aprobado nos orzamentos. Precisamente, os peores anos para o país coinciden coa presenza na presidencia do Executivo de Mariano Raxoi, ficando a execución do orzamentos en 2015 en 63,7% e en 2016 en 41,5%.

O prestixioso Laboratorio de Análise de Políticas Públicas do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE) sinala  que o apoio público á capital do Estado "reforza a tendencia á diverxencia entre Madrid e boa parte das rexións españolas, en lugar de actuar para compensar o proceso de polarización entre Madrid e boa parte das rexións españolas".

O efecto sede

O IVIE alerta de que o efecto sede "inclina a actuación das autoridades centrais a favor das empresas localizadas nun territorio que conta cun nivel de renda por habitante moi por riba da media, ao realizar moitos máis contratos con elas en lugar de amosar a neutralidade territorial que sería esixíbel con todo o tecido empresarial".

As consecuencias destas políticas, en opinión do IVIE, teñen un "efecto externo negativo sobre outras comunidades da competencia fiscal de Madrid, reforza a tendencia á diverxencia rexional e xustificaría limitar as competencias, sobre todo por basearse nun aproveitamento das vantaxes derivadas dunha interpretación da capitalidade que non é territorialmente neutral".

Os datos fiscais de Madrid

Os datos do informe Madrid, capitalidade, economía do coñecemento e competencia fiscal elaborado polo Instituto Valenciano de Investigacións Económicas  non deixan lugar a dúbida. Segundo se sinala no documento, teñen a súa sede en Madrid 44,5% das 1.000 maiores empresas do Estado, 50,4% das 500 máis grandes e 60% das 100 primeiras.

Por outra parte, só manteñen o enderezo social na Galiza 5,3% das 1.000 maiores empresas do Estado, 5% das 500 máis grandes e 4% das 100 primeiras. A consecuencia disto, Madrid concentra unha quinta parte da renda estatal, dispondo de 19,2% do Produto Interior Bruto (PIB) en 1,6% do territorio. Porén, isto só é posíbel pola localización a efectos fiscais e sociais en Madrid de miles de empresas que desenvolven a súa actividade económica real noutras zonas do Estado español.

Comentarios