O Miteco tomba o parque eólico Huracán, de Greenalia

O proxecto, de 56 MW, afectaría os termos municipais de Brión, Noia, Lousame e Rois.
Construción dun parque eólico da compañía enerxética galega. (Foto: Greenalia)
photo_camera Construción dun parque eólico da compañía enerxética galega Greenalia. (Foto: Greenalia)

Novo revés para a compañía enerxética galega Greenalia, da que é conselleira a ex responsábel de Medio Ambiente da Xunta da Galiza Beatriz Mato. O Boletín Oficial do Estado recolle esta terza feira a resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, pola que se desestima a solicitude desta empresa da autorización administrativa previa e a declaración de utilidade pública do parque eólico Huracán, de 56 megawatts (MW) de potencia e proxectado nos termos municipais de Brión, Noia, Lousame e Rois (comarcas do Sar, Noia e Compostela).

No citado documento, asinado o pasado 1 de febreiro, faise alusión ao arquivo do expediente do parque Huracán en xaneiro de 2023 por parte da Dirección Xeral de Calidade e Evaluación Ambiental, que resolveu que o proxecto non contaba "con elementos de xuízo suficientes para formular unha declaración de impacto ambiental" e, polo tanto, non podía seguir adiante na tramitación. Tamén recolle a caducidade, o pasado 15 de xuño, dos permisos de acceso e conexión que recibira con anterioridade o proxecto.

Greenalia interpuxo un recurso de alzada ao entender que a resolución negativa relativa ao trámite ambiental era "contraria a Dereito" —recurso aínda pendente de resolución— e, á marxe deste movemento xudicial, alegaba tamén que o "incumprimento" dos prazos para obter os diferentes permisos requeridos era consecuencia da "inactividade das administracións públicas", que impediu "continuar adiante co proxecto". "Por ende, é unha causa non imputábel en modo ningún á sociedade [Greenalia]", precisaron.

Con todo, o Miteco responde que "a non acreditación ante o xestor da rede do cumprimento dos devanditos fitos administrativos en tempo e forma suporá a caducidade automática dos permisos de acceso e, no seu caso, de acceso e conexión concedidos e a execución inmediata polo órgano competente para a emisión das autorizacións administrativas das garantías económicas presentadas para a tramitación da solicitude de acceso ás redes de transporte e distribución", se ben matiza que, "se por causas non imputábeis ao promotor [como alega Greenalia], non se producise unha declaración de impacto ambiental favorábel, non se procederá á execución das devanditas garantías".

E no relativo á declaración de impacto ambiental, expón: "Non se pode obviar a especial natureza da DIA, en canto se trata dun informe preceptivo e determinante do órgano ambiental co que conclúe o procedemento de avaliación de impacto ambiental, que avalía a integración dos aspectos ambientais de forma que a súa nulidade conleva pola súa gravidade e importancia, como ocorre no presente caso, a da autorización".

A compañía enerxética, porén, aínda non esgotou a vía administrativa e poderá presentar no vindeiro mes, a contar desde esta cuarta feira, un recurso diante a Secretaría de Estado de Enerxía para recorrer esta decisión.

Comentarios