Nueva Pescanova aumenta as perdas a 73 millóns en 2023, mais Abanca insiste na súa recuperación

O Dépor tamén eleva as súas perdas até os 4,5 millóns de euros.
Sede de Pescanova, en Vigo. (Foto: Europa Press).
photo_camera Sede de Pescanova, en Vigo. (Foto: Europa Press).

Nueva Pescanova rexistrou perdas de 73 millóns de euros en 2023, segundo se desprende da memoria consolidada anual remitida por Abanca á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). Deste modo, as perdas desta compañía participada de Abanca increméntanse respecto aos 60,5 millóns que anotaba a feche de 2022. En calquera caso, esta cifra correspóndese cos nove primeiros meses do exercicio fiscal da compañía, debido a que vai de marzo a marzo.

Abanca, pola súa parte, informa de que se "continúa traballando na identificación" dun socio que "poida tomar unha participación no Grupo Nueva Pescanova". Asegura que o efecto producido pola continuidade da guerra en Ucraína, a inflación e o incremento de tipos "fixo que este proceso fose máis lento do previsíbel".

"Actualmente, na data de formulación das presentes contas anuais consolidadas o banco mantén o proceso activo e aliñado coa folla de roteiro estabelecida para a entrada dun novo socio na compañía", afirma Abanca.

A este respecto, desde Abanca trasladan á axencia Europa Press que a entidade está "convencida" de que "se van recuperar esas perdas", porque hai un "plan estratéxico que aínda non está fechado, pero está moi avanzado". E inciden en que este "é un período transitorio" de procura de socio industrial e "recuperaranse as perdas". Igualmente, "a confianza é plena no equipo directivo actual".

Aliás, o banco conta con 40 millóns de euros de provisións sobre Nueva Pescanova, xa que "leva dous anos con perdas" e pola política "prudente" de Abanca coas participadas. Agrega que as perdas deste ano tamén se ven afectadas porque "países como China reduciron de maneira importante a demanda de alimentación e de pesca en concreto". A isto únese "un problema" co lagostino en Centroamérica polo impacto de 'El Niño' en 2023, así como por "un desplome do prezo".

Abanca remarca que desde 2015 apostouse pola "viabilidade" da empresa e "manter na Galiza a matriz, as filiais e a sede de Nova Pescanova". "Imos seguir investindo en Nueva Pescanova", deixan claro por parte do banco.

O Dépor tamén eleva as perdas

Pola súa parte, o informe de Abanca tamén recolle que o Real Club Deportivo anota perdas de 4,5 millóns de euros a feche de 2023, case o dobre dos 2,57 millóns que computaba no ano anterior. Esta entidade dependente de Abanca conta cun activo de 16,3 millóns, un pasivo de 77,5 millóns, con patrimonio neto negativo de 61,3 millóns.

Comentarios