Unións Agrarias (UUAA) insta a tecores e Medio Ambiente a iniciar as actividades de caza de xabaril para protexer a campaña do millo e da uva.
Ante o inicio da campaña ordinaria de caza do xabaril este sábado (prolongarase até o 25 de febreiro), o sindicato pide a tecores e ás sociedades de caza comezar "canto antes" as batidas e "centrar esforzos" nas zonas de cultivo de millo e vide.
A través dun comunicado, a organización fai un chamamento á colaboración diante do anticipo das colleitas destes cultivos, "vulnerábeis" ante o ataque destes animais.
E é que este ano a colleita "vén moi adiantada" polas condicións favorábeis para o seu crecemento e madurez. "Por iso é fundamental o control do xabaril nestas semanas nas que a espiga vai madurando e faise comestíbel e apetecíbel para o xabaril", advirte.
Ademais, en varias zonas de denominacións de orixe como O Ribeiro, onde a formación e maduración dos acios de uvas xa se atopan avanzadas "empezan as incursións das mandas para alimentarse da uva", avisa. Por iso é polo que desde UUAA solicitan medidas preventivas.
Segundo os seus datos, as perdas polos ataques do xabaril ao millo "poden superar os 6 millóns de euros", en función de cada campaña.
Desde UUAA urxen accións de caza "debidamente planificadas e coordinadas" e cre que a Consellaría de Medio Ambiente "debe implicarse" informando de zonas afectadas e autorizando "de forma áxil".