Un total de 803 predios estarían afectados pola instalación da macrocelulosa de Altri

O 29 de decembro de 2022 o Consello da Xunta, presidido por Alfonso Rueda, declarou a celulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) Proxecto Industrial Estratéxico (PIE). A semana pasada Rueda recoñeceu que contemplaba expropiacións para erguer a pasteira. A instalación da fábrica podería afectar máis de 800  predios.
Un rabaño de vacas pastan na Fonsagrada. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Un rabaño de vacas pastando. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O Consello da Xunta da Galiza do 29 de decembro de 2022 usou a potestade do Goberno autonómico para aprobar a consideración de Plan Industrial Estratéxico (PIE) do proxecto de Altri para unha celulosa en Palas de Rei (A Ulloa). Daquela, a través dunha nota de prensa da Xunta, Alfonso Rueda sinalaba que Altri é “un proxecto innovador e ambicioso para producir lyocell”, sin referencia algunha ás 400.000 toneladas de celulosa que a empresa inclúe no proxecto exposto do Diario Oficial da Galiza (DOG) do pasado 4 de marzo. Ademais, Rueda aseguraba nesta comunicación da Xunta que “Altri prevé crear 2.500 postos de emprego directos”, cando a empresa cifra agora estes postos de traballo en arredor de 500.

Aínda que daquela o PIE a Altri pasou desapercibido publicamente, nesa decisión do Goberno galego radican boa parte das accións posteriores que a empresa leva facendo, en relación á demanda de fondos europeos que poñen como condición sine qua non para “lanzar o proxecto”, segundo recoñeceu en Palas de Rei este mes o director de proxectos de Greenfiber -sociedade instrumental a través da que Altri promove a celulosa na Ulloa-, Bruno Dapena. 

Membros da Plataforma Ulloa Viva acusan Altri de empregar o PIE da Xunta "para modificar cifras ao seu antollo, como as do emprego que xerarán, e explicar a medias o que en realidade é o Proxecto Gama, unha celulosa". Sinalan a Nós Diario que “non hai acceso ao expediente” polo que a Xunta autorizou o PIE de Altri. En todo caso, as condicións para concedelo son un investimento da empresa mínimo de 20 millóns de euros, a creación dun mínimo de 100 postos de traballo directos e indefinidos a xornada completa, e que a industria feche o ciclo dentro da cadea de valor, "algo que Altri non cumpre", din.

Expropiacións urxentes

O PIE que Altri ten na Galiza desde decembro de 2022 é, segundo a lexislación prevista no Decreto Lexislativo 1/2015 polo que se aproba o texto das disposición legais da Galiza en materia de política industrial , publicado no DOG o 9 de xullo de 2015, un privilexio do que actualmente desfrutan seis proxectos en todo o país, e que outorga á iniciativa industrial privada vantaxes coma a “prioridade absoluta sobre calquera outro proxecto” na mesma zona.

Esta prioridade leva a que, por exemplo, se reduzan para os PIE os prazos de tramitación legais á metade para a implantación destes proxectos industriais na Galiza. Ademais, co PIE a Xunta declarou xa en decembro de 2022 a “utilidade pública” da celulosa de Altri, o que supón que se poden expropiar os bens e dereitos afectados de modo “urxente”, “poden facelo cando queiran, non precisan negociar”, explican a Nós Diario expertos en dereito administrativo e avogados membros da Plataforma Ulloa Viva. De feito, en canto remate o prazo de alegacións o vindeiro 17 de abril, e coa resolución das mesmas por parte de Augas da Galiza e a Secretaría Xeral de Industria, este punto do artigo 80 do Decreto 1/2015 podería por en marcha as expropiacións urxentes.

O decreto permite ademais á empresa impor ou ampliar servidumes de paso nos predios privados afectados para “vías de acceso, liñas de transporte e distribución de enerxía e canalizacións de líquidos e gases”. Ademais, a condición de PIE do proxecto “terá forza vinculante para as administración públicas e os particulares e prevalecerán sobre as determinación do ordenamento urbanístico vixente”, o que explica que a empresa pretenda instalar a macrocelulosa no Predio Quintas de Palas de Rei, cualificado coma solo rústico, que pasaría a ser solo industrial.

Solo industrial e subvencións

Os privilexios dos que desfruta Altri co seu proxecto en Palas de Rei van alén do cambio de solo. O PIE dá ademais vantaxe no caso de que precisen para a implantación do proxecto máis terreo. Nese caso a lexislación prevé que a Xunta poida darlle á empresa solo industrial “gratuíta e directamente, sen burocracia nin prezos”, sempre que se trate de terreos industriais propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). 

E aínda desfruta Altri doutra vantaxe, a que semella importante para a empresa logo da relevancia que lle están a dar aos fondos europeos que demandan, a súa condición de PIE dálles acceso a subvencións directas do Goberno galego sen concorrencia nin competencia algunha.

Esta “carta branca” da Xunta á celulosa de Altri permite a aprobación do proxecto de implantación da instalación, a súa “non suxeición á licenza urbanística municipal nin á comunicación previa prevista na normativa urbanística” e a súa declaración como proxecto de incidencia supramunicipal, o que deixa os concellos afectados sen capacidade de decisión administrativa arredor do proxecto de Altri, tanto en Palas de Rei como en Agolada (comarca do Deza), Santiso (Terra de Melide) e Melide. Ás administracións locais afectadas, igual que aos particulares, só lles queda a política municipal, as iniciativas plenarias e a presentación de alegacións en caso de desacordo co proxecto.

Os propietarios dos terreos, sen información

Son mínimos os casos de propietarios e propietarias de bens e dereitos afectados polo Proxecto Gama (para a construción da celulosa na Ulloa) que tiveran algún tipo de comunicación por parte da Xunta de Galiza ou de Altri.

En total, segundo figura no proxecto a exposición pública son 803 os predios afectados tanto pola captación da auga do encoro de Portodemouros (46 millóns de litros de auga ao día de Agolada a Palas de Rei, pasando por Santiso), como os predios previstos por Altri para instalar a planta en Palas de Rei e os afectados polas verteduras. Altri non está a negociar sobre o terreo, e así o recoñeceu a propia empresa na reunión coa veciñanza de Palas da pasada semana, nin sequera adquiriu o Predio Quintas, o principal emprazamento para a súa celulosa, algo que recoñeceu nese encontro o propietario, Leandro Quintas.

O SLG reclama un informe á Deputación de Lugo

A responsábel da Loita contra o Acaparamento de Terras no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas e vogal no órgano consultivo da Reserva da Biosfera Terras do Miño, Margarida Prieto, pediu esta cuarta feira á Deputación de Lugo un informe precisamente da devandita Reserva sobre o impacto que tería a fábrica de Altri. Nun comunicado, a organización sindical explicou que este estudo debería pormenorizar a afección desta planta nun radio de polo menos 30 quilómetros, ao consideralo a "contorna mínima" con presenza de gases "contaminantes" asociados a unha fábrica como a proposta.

Por outra parte, tamén esta cuarta feira, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, preguntada polos medios, cualificou a fábrica de Altri un asunto "complexo" e que "pon en risco un desenvolvemento sostíbel" na Galiza.

Comentarios