Terceiro día con aeroportos desaloxados en Francia por ameazas de bomba: "bromas de mal gusto"?

Máis dunha decena de Estados de Schengen aplican controis fronteirizos.
Control na fronteira entre Austria e Hungría en 2020. (Foto: Europa Press / Contacto)
photo_camera Control na fronteira entre Austria e Hungría en 2020. (Foto: Europa Press / Contacto)

No mínimo 24 evacuacións foron efectuadas en distintos aeroportos franceses nas últimas xornadas, tras tres novos desaloxos hoxe após recibir ameazas de bomba até oito aeródromos, todo isto no medio dunha alerta terrorista máxima no país a raíz do asasinato dun profesor a pasada sexta feira a mans dun xihadista de orixe ruso.

Esta vaga de evacuacións por mor de ameazas que o titular de Transporte de Francia, Clément Beaune, definiu como “bromas de mal gusto”, tamén se estendeu polo Palacio de Versalles, o Museo do Louvre ou multitude de centros escolares.

Esta sexta feira, de feito, foi detido un rapaz de 16 anos na área metropolitana de París por supostamente ter enviado ameazas falsas, o que levou ao desaloxo do seu instituto.

Aumento dos controis fronteirizos na UE

Máis dunha decena de Estados que forman parte do espazo Schengen, que en teoría permite a libre circulación de persoas entre estes países, a meirande parte membros da Unión Europea, aplican controis fronteirizos argumentando preocupacións de seguridade ou migratorias.

Eslovenia foi o último en instaurar a medida, que se une á decisión italiana de intensificar os seus controis nos pasos fronteirizos desde o sábado, algo que xa puxeron en marcha Dinamarca, Austria, Alemaña, Chequia, Eslovaquia, Suecia, Polonia, Francia e Noruega.

Oito anos violando as regras de Schengen

Media ducia deles, incluídos París e Berlín, aplican estes controis sistematicamente desde 2015 malia que as regras do espazo Schengen limitan estas medidas a un máximo de dous anos, e en situacións moi excepcionais.

Comentarios