Entrevista

Ángel López, galego en Taiwán: "Cando chegaron réplicas fortes do terremoto vin que a cousa era bastante seria"

O galego Ángel López Suárez é profesor na Universidade NTNU de Taipei, capital do país que esta cuarta feira sufriu o peor terremoto no que vai de século.
O galego Ángel López reside en Taipei desde 2006 por motivos laborais. (Foto: Cedida)
photo_camera O galego Ángel López reside en Taipei desde 2006 por motivos laborais. (Foto: Cedida)

O terremoto que sacudiu Taiwán con máis forza —magnitude 7,2 na escala de Richter— no que vai de século deixou até o momento un mínimo de nove vítimas mortais e máis de 820 persoas feridas. Sete das vítimas morreron nun túnel dunha zona de sendeirismo coñecida como Dekalun Train, territorio mineiro de Hualien. E na capital, Taipei, decretouse o nivel dous de resposta por desastres despregáronse todos os equipos de emerxencia e Bombeiros.

Alí reside Ángel López Suárez, un galego que marchou á illa en 2006 para traballar como profesor na Universidade NTNU de Taipei e que relata a Nós Diario como se sentiu o terremoto. Para quen vive en Taiwán, di, que trema a terra non é novidade. "Erguinme sobre as 8h e empecei a notar que se movía un pouco o apartamento, nun sétimo piso. Como xa estás acostumado, non lle das demasiada importancia, pero vin que ía a máis, e máis... e dinme conta de que era bastante máis do que parecía", comenta.

A terra tremeu uns minutos máis até que parou. "Xa estaba en pé, comecei a preparar todo e puxen as noticias e o chat que temos no edificio, porque vía que non fora normal". O epicentro foi a costa leste, nomeadamente a cidade de Hualien, a pouco menos de 300 quilómetros de Taipei. É un territorio moi montañoso, explica López, e por alí pasan moitas das fallas da zona, polo que hai unha frecuente actividade sísmica á que a xente xa está acostumada... "Até certo punto", matiza, sobre este último terremoto.

"Cando chegan réplicas fortes ves que a cousa é bastante seria", di Ángel

E despois, que? O máis importante é seguir o protocolo: "Apagas o gas e as chaves de paso da auga por se hai algún escape. E logo quedas pendente das noticias". Aos poucos minutos chegaron as primeiras réplicas, con magnitudes que se achegaron a 6. Foron máis dun cento. "Aí xa ves que a cousa é bastante seria", lamenta.

Os maiores danos producíronse na costa leste, mentres en Taipei este galego salienta os "vídeos moi chamativos" que non tardaron en 'viralizar' nas redes sociais, como un dunhas motos que non logran manterse en pé, mais afortunadamente sen que se producise "ningunha desgracia grande", máis alá dun incidente nunha das pontes do metro elevado, que cedeu.

Nunha illa como Taiwán, dada a súa localización, non son poucos os avisos que chegan ao longo do ano por posíbeis desastres, afirma Ángel López, que concreta que a época máis delicada é a que vai, aproximadamente, de maio a setembro, cando chega o tizón. "Temos uns protocolos cos que todo o mundo está moi concienciado, e cando dan algún aviso xa non vas traballar ao día seguinte, fechan as escolas, etc.", conta.

Pero o caso dos terremotos, lamentabelmente, é xustamente o contrario: "De súpeto pasa, e todos sabemos máis ou menos como reaccionar, pero é inevitábel que pasen desgracias". En Taiwán funciona actualmente un sistema automático de avisos que envía as alertas ao móbil e que desta vez, denunciaron moitas persoas, non se recibiu. "Eu recibino, pero do segundo terremoto, da réplica", afirma.

Comentarios