Catalunya demanda recadar e xestionar todos os impostos para "deixar atrás décadas de inxustiza"

O Parlament disólvese polo adianto electoral.
Natàlia Mas, a terza feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Natàlia Mas, a terza feira. (Foto: Europa Press)

A conselleira de Economía e Facenda do Goberno catalán, controlado por Esquerra Republicana (ERC), Natàlia Mas, reclamou a terza feira un novo modelo de financiamento singular, que implicaría que a Generalitat recadase e xestionase todos os impostos pagados no país, para, con posterioridade, levar a cabo a transferencia dunha cota ao Estado, similar ao sistema foral do que gozan Euskadi e Nafarroa.

Dos 52.000 millóns de euros anuais en impostos que se pagan en Catalunya, o territorio xestiona pouco menos da metade, uns 25.000 millóns, e recada 9%, menos de 5.000 millóns, unha situación que busca mudar esta proposta, baseada na soberanía fiscal plena, e que foi presentada no Executivo catalán, amais de remitida ás e aos membros do Parlament e ao Gabinete español.

“Presentamos un cambio de paradigma para deixar atrás décadas de inxustiza”, subliñou Mas, que explicou que é un modelo equiparábel ao de Gobernos federais como os de Suíza ou o Canadá, e reiterou que o “marco constitucional español permite encaixar esta proposta”, que en última instancia depende só da “vontade política”.

O importe da cota que tería que entregar Catalunya ao Estado incluiría tanto o custo dos servizos prestados, como a Defensa, como un pago a un fondo de “reequilibrio territorial” para as áreas do Estado con menos recursos, unhas “métricas que teñen que ser obxecto de negociación política”, resolveu Mas. En todo caso, o Goberno español de PSOE e Sumar preferiría unha reforma do sistema de financiamento que abranguese todas as autonomías.

No acordo asinado entre ERC e PSOE para permitir a investidura de Pedro Sánchez como presidente español, a forza estatal sostiña que apostaba por “medidas que permitan a autonomía financeira” catalá e un “diálogo singular sobre o impacto do actual modelo de financiamento”.

No caso do acordo PSOE-Junts, a negociación dos déficits do autogoberno é un dos eixos, coa primeira formación defendendo o mesmo que no pacto con ERC e o partido nacionalista buscando a cesión de 100% dos impostos a Catalunya. A proposta do Govern prodúcese en paralelo á disolución do Parlament de cara ás eleccións adiantadas do 12 de maio.

No Congreso, reuniuse a comisión de investigación sobre os atentados xihadistas de 2017 en Catalunya após non ser quen con anterioridade de pactar un plan de traballo, bloqueado pola negativa do PSOE a aceptar a desclasificación de documentos da Intelixencia española.

O Goberno pide explicacións a Feixoo

Despois de transcender que ao mando da Xunta o líder do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, concedeu 114.000 euros a Sargadelos cando a súa parella traballaba para a compañía, o Executivo estatal exixiulle que brinde explicacións.

Comentarios