"Un cidadán asediado por todos os poderes do Estado": Ayuso sae en defensa da súa parella tras a denuncia por fraude da Fiscalía

A presidenta da Comunidade de Madrid ve na denuncia de fraude contra a súa parella unha manipulación "orquestrada" e asegura que é Facenda quen lle debe 600.000 euros a Alberto González Amador.
A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, esta cuarta feira (Foto: Carlos Luján / Europa Press).
photo_camera A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, esta cuarta feira (Foto: Carlos Luján / Europa Press).

A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, cargou contra o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, por pedir a súa dimisión pola denuncia que a Fiscalía interpuxo contra a súa parella (Alberto González Amador) pola presunta comisión de dous delitos de fraude tributaria e un de falsidade en documento mercantil. Segundo afirmou, ve en toda esta cuestión unha manipulación "orquestrada" e asegura que é Facenda quen debe 600.000 euros á súa parella.

A xefa do Executivo madrileño insistiu en que "non hai ningunha trama, nin sociedades pantallas, nin nada". Así mesmo, explicou que este tema será tratado polo avogado da súa parella, como é "normal", coa Fiscalía. Neste punto, insistiu en que se trata "dun cidadán particular que está a ser asediado por todos os poderes do Estado" por ser a súa parella.

Ayuso, que ve "unha inspección de Facenda desesperada", sostivo que Sánchez busca desestabilizala a través da súa "destrución persoal, cando o único destruído aquí é el". Neste punto, expuxo que a súa parella "está a sufrir unha inspección fiscal salvaxe que afecta a 2018, 2019, 2020, 2021 e agora pretenden que sexa o 2022 para atrasar os case 600.000 euros que Facenda lle debe". Segundo indicou, "é falso que sexa el quen debe a Facenda 350.000 euros por fraude" e é máis de medio millón o que a súa parella tería que recibir "por xuros".

"Falariamos de todo isto se non fose a miña parella? Canto millóns de inspeccións fiscais hai ao ano?", preguntou a continuación. Neste punto, aclarou que "non hai un só contrato coa Comunidade de Madrid" senón que se está mesturando todo "nunha persecución política escandalosa, onde todo cheira a turbio".

Sospeitas sobre a compra do piso que comparte coa súa parella

Ayuso respondeu, ademais, ás acusacións de que vive "nun piso comprado de maneira fraudulenta" indicando que o seu valor non é "un millón" de euros, non é seu, e que está hipotecado e rexistrado "mediante notario".

A dirixente subliñou que a súa parella "é un particular e pode comprarse a vivenda que lle vela en gana" e que ela ten "dereito a durmir na cama" que considere como persoa libre que é e non por iso se responsabiliza "por nada", aínda que si pode asegurar que "esa casa está comprada ben".

Por outra parte, defendeu que o seu pai "morreu sen deber un peso" e "sendo un home honrado", a súa nai "non deu ningún ‘pelotazo’ de nada", o seu irmán "é un comercial que leva 30 anos facendo o mesmo" e a súa actual parella "non está en ningunha trama" senón que o único que está a sufrir é "a manipulación dunha inspección de Facenda" que "soamente se orquestrou" para facerlle dano.

Comentarios