A Comisión de Venecia ratifica que a amnistía respecta a división de poderes

4.000 persoas podían terse salvado nas residencias de Madrid na Covid

A Comisión de Venecia nunha xuntanza no Senado español. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera A Comisión de Venecia nunha xuntanza no Senado español. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

A Comisión de Venecia, un órgano consultivo do Consello de Europa, aprobou a sexta feira o seu ditame definitivo sobre o proxecto de lei de amnistía que se está a tramitar no lexislativo español, ratificando que non supón unha vulneración á separación de poderes e avalando o obxectivo da normativa, 24 horas despois de aprobala a Cámara Baixa.

Con todo, cuestionou o procedemento de urxencia elixido para o seu debate e aprobación no Congreso, e demandou delimitar máis estreitamente o ámbito temporal e material no que se aplicará.

Un consenso maior

Ao tempo, insta a un maior consenso para que sexa aprobada cunha “maioría cualificada”. O Executivo español reclamou neste sentido ao Partido Popular (PP), que solicitara orixinalmente ao organismo que emitira a súa valoración, que apoie a norma para alcanzar esa maioría.

No que atinxe a Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid que está no medio dun escándalo de corrupción tras defraudar 350.000 euros a súa parella a través de facturas falsas e empresas pantalla, unha comisión cidadá transmitiu o informe final dunha investigación arredor da morte de máis de 7.000 persoas en residencias de maiores do territorio durante a pandemia de Covid-19.

4.000 mortes evitábeis

A conclusión principal é que “decisións políticas e de xestión discriminatorias”, en alusión ao protocolo da Comunidade para limitar o envío de residentes aos centros médicos en base á súa situación física ou cognitiva, causaron que faleceran máis de 4.000 persoas que podían terse salvado.

A esta actuación “inadecuada” por parte do seu Executivo hai que engadir que non dotou “as residencias de persoal sanitario, medios e organización suficiente”.

Comentarios