Europol, a Oficina Europea de Policía, adscrita á Unión Europea (UE), presentou a sexta feira un informe no que destaca que atoparon 821 redes de delincuencia organizada “moi ameazantes” no bloque comunitario.
Estas bandas operan principalmente no Estado español, Bélxica, Países Baixos e Alemaña, detalla o documento, que cifra en máis de 25.000 persoas o número de membros destes grupos e explica que tenden a concentrarse nun negocio principal, e a “gran maioría mantén un forte enfoque xeográfico e non estende as súas actividades principais demasiado amplamente”.
A metade céntranse nas drogas
A metade deles poñen o foco no tráfico de drogas, aínda que tamén se reportaron os seus vínculos co tráfico de persoas ou a fraude. Ao tempo, apunta que outra das principais actividades, o lavado de diñeiro, prodúcese en 41% dos casos usando o sector inmobiliario e 27% o de artigos de luxo e alto valor, como o ouro.
Así e todo, e tendo en conta que até 86% destas redes usan estruturas empresariais legais, a meirande parte dentro da UE, o texto fai fincapé en que os tres sectores máis infiltrados por estes grupos son o da construción, a hostalaría e a loxística.
70% vinculadas coa corrupción
Outra das conclusións que ofrece o informe é que 68% das redes criminais “utilizan a violencia e a intimidación como característica inherente ao seu modus operandi”, e sete de cada dez están implicadas en actos de corrupción “para facilitar a actividade delituosa e obstruír a aplicación da lei ou os procedementos xudiciais”.
En paralelo, describe que a maioría das redes contan cunha organización xerárquica e un liderado próximo ao lugar no que decorren as operacións.