Dúas das discotecas que arderon en Murcia non tiñan autorización para estar abertas

O cesamento da actividade foi requirido hai un ano.
Bombeiros accedendo ao interior da discoteca Teatre. (Foto: Javier Carrión / Europa Press)
photo_camera Bombeiros accedendo ao interior da discoteca Teatre. (Foto: Javier Carrión / Europa Press)

As discotecas Teatre e La Fonda, dúas das tres queimadas no incendio que provocou o falecemento de 13 persoas en Murcia, tiñan a obriga de cesar a súa actividade desde hai máis dun ano e deixar de operar, xa que había unha orde de execución de fechamento que non se cumpriu.

Así o confirmou o encargado de Planificación Urbanística do Goberno local, Antonio Navarro (PP), que compareceu de forma urxente acompañado do titular municipal de Urbanismo anterior, Andrés Guerrero (PSOE). 

O representante do PP asegurou que o Concello de Murcia actuará como acusación particular no proceso e que exixirá "a depuración de todas as responsabilidades do expediente". 

A empresa Teatre presentou un proxecto para dividir en dous o local e para iso esixíuselle unha nova licenza que non presentou, pois non valía a de 2008. En consecuencia, incumpriu as ordes de cesamento e fechamento da discoteca.

En concreto, explicou o concelleiro, en xaneiro de 2022 ordenouse o cesamento de Teatre, único local existente a nivel burocrático, decisión á que se presentou un recurso que foi desestimado en marzo dese ano. 

Xa en outubro de 2022 requiriuse a execución do cesamento da actividade. De forma que desde o Consistorio "imos depurar todas as responsabilidades que puidese haber por parte de calquera nestes procedementos", aseverou Navarro.

Rematada a busca

O delegado do Goberno español en Murcia, Francisco Jiménez, informou esta segunda feira da aparición das cinco persoas que continuaban en paradoiro descoñecido desde a madrugada deste domingo. Todas elas están en bo estado e, aliás, os bombeiros e persoal de emerxencias remataron a busca entre os cascallos, sen que aparecesen novos cadáveres.

A investigación do sucedido nas discotecas da zona de lecer Atalayas está actualmente baixo segredo de sumario, tal e como decretou a última hora do domingo o maxistrado do xulgado de Instrución número 7 de Murcia, en funcións de garda.

Comentarios