Xustiza

Os fiscais do Supremo sinalan Puigdemont como o "líder absoluto" de 'Tsunami', que cualifican de grupo "terrorista"

"Non hai dúbida de que algúns dos feitos encaixan perfectamente co delito de terrorismo", apunta o informe.
Carles Puigdemont, nunha comparecencia de prensa en Bruxelas. (Foto: Europa Press)
photo_camera Carles Puigdemont, nunha comparecencia de prensa en Bruxelas. (Foto: Europa Press)

O informe dos fiscais do Tribunal Supremo sobre o caso de 'Tsunami Democràtic', filtrado esta cuarta feira polo xornal El Español, apunta directamente ao ex president catalán Carles Puigdemont como "líder absoluto" dunha organización que, aliás, cualifica de terrorista: "Non hai dúbida de que algúns dos feitos encaixan perfectamente co delito de terrorismo", sinala. Todo isto despois de que esta terza feira transcendese que Suíza cuestiona a investigación polo posíbel "carácter político" e rexeita, cando menos polo de agora, axudar a localizar a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira.

O fiscal Fidel Cadena asina o documento que recolle as deliberacións dos fiscais da sección primeira do Penal do alto tribunal o pasado 6 de febreiro, que acordaron, con 11 votos favorábeis contra catro discordantes, imputar Puigdemont por terrorismo na macrocausa de 'Tsunami', tombando así o informe previo redactado polo fiscal Álvaro Redondo, que non vía indicios de criminalidade contra Puigdemont e mais o deputado do Parlament Rubén Wagensberg, tamén investigado neste proceso.

Este novo documento conclúe que o ex president "puido evitar a lesión do ben xurídico retirando o seu apoio carismático" ao movemento soberanista; porén, "lonxe diso, animou a seguir nas accións violentas que se desenvolveron co seu coñecemento e consentimento". Os fiscais cren que do argumentario do xuíz Manuel García-Castellón pode desprenderse "a existencia dunha pluralidade de ilícitos penais" cometidos por 'Tsunami'.

"Desde o principio Puigdemont estivo informado da constitución do grupo organizado animado por fins de subversión da orde constitucional e desestabilización grave das institucións democráticas, impedindo aos poderes públicos cumprir as súas resolucións", salientan, e fan fincapé en que todas as actuacións desta organización "estiveron orientadas, aprobadas e favorecidas polas directrices, apoio público e privado e patrocinio intelectual e ético do señor Puigdemont".

E a súa finalidade, din, "non era outra que desestabilizar gravemente as estruturas políticas e económicas de España, alterando gravemente a paz pública ao impedir aos poderes públicos, e en concreto ao Tribunal Supremo, o cumprimento e execución das súas sentenzas firmes".

Comentarios