Un forte terremoto na China deixa, polo menos, 127 mortes e perto de 200 persoas feridas

O presidente de China, Xi Jinping, instou a realizar os máximos esforzos de procura e rescate e garantir a seguridade e propiedade dos residentes da zona, que se atopa nunha rexión de grande altitude onde as temperaturas están en números negativos.
Os servizos de rescate da China nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press / Contacto / Jiang Wenyao).
photo_camera Os servizos de rescate da China nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press / Contacto / Jiang Wenyao).

Polo menos 127 persoas morreron e máis de 200 resultaron feridas por un terremoto de magnitude 6,2 que tivo lugar durante a madrugada desta terza feira no noroeste de China e tras o que se rexistraron unhas 300 réplicas. As autoridades informaron da morte de 105 persoas na provincia de Gansu, mentres que se rexistraron trece vítimas mortais na provincia de Qinghai. Ademais, hai máis de 180 feridos e decenas de desaparecidos.

O sismo sacudiu o condado de Jishishan, na provincia de Gansu, a cinco quilómetros da fronteira con Qinghai. O tremor, que se sentiu en varias localidades, produciuse a dez quilómetros de profundidade.

O presidente de China, Xi Jinping, instou a realizar os máximos esforzos de procura e rescate e garantir a seguridade e propiedade dos residentes da zona, que se atopa nunha rexión de grande altitude onde as temperaturas están en números negativos.

É por iso que Xi destacou a importancia de observar de perto a situación posterior ao terremoto e as mudanzas no clima para previr desastres secundarios. Como consecuencia do sismo, miles de edificios e infraestruturas sufriron danos de diversos graos, provocando cortes de auga, electricidade e estradas, segundo informou a axencia de noticias Xinhua.

O Ministerio de Finanzas e o Ministerio de Xestion de Emerxencias da China asignaron 200 millóns de yuans (25 millóns de euros) en fondos de axuda para desastres naturais ás provincias afectadas. Desta cifra, 150 millóns de yuans (19,2 millóns de euros) estarán destinados a Gansu, que se viu máis afectada.

Busca e rescate

Os servizos de rescate están realizando labores de busca e rescate, así como de recolocación de vítimas e verificación de infraestruturas. As autoridades elevaron a dous o nivel de resposta nacional de emerxencias.

Pola súa parte, a presidenta de Taiwan, Tsai Ing Wen, ofreceu a súa "vontade de brindar asistencia necesaria", despois de transmitir a súa preocupación e condolencias aos seres queridos das vítimas, segundo informou a emisora taiwanesa RTI.

"Esperamos que o traballo de rescate e recuperación posterior ao desastre se desenvolva sen problemas e que a área local poida volver á vida normal canto antes", declarou o portavoz da oficina presidencial, Lin Yuchan.

Comentarios