Imputados por terrorismo e prisión preventiva para catro dos responsábeis do atentado de Moscova

Rusia segue de dó polo atentado mortal que matou no mínimo 137 persoas.

moscova rusia europa press atentado
photo_camera Unha nena pon unha flor en lembranza das vítimas do atentado en Moscova (Foto: Europa Press)

Un tribunal ruso acusou formalmente os catro detidos en relación co atentado mortal que tivo lugar a sexta feira en Moscova e xa cobrou a vida no mínimo de 137 persoas por terrorismo. Despois dunha fin de semana de loito en todo o país, os catro sospeitosos foron enviados a prisión con carácter preventivo. O Kremlin chegou a permitir a difusión de imaxes dos rostros dos terroristas, visibelmente feridos e golpeados na cara. Incluso publicaron os seus nomes.

Desde a capital rusa, o tribunal celebrou unha vista a porta pechada e decretou estas medidas cautelares até o 22 de maio á espera do xuízo. Os catro virían de Taxiquistán e terían xurado unha absoluta lealdade ao Estado Islámico, quen reivindicou o atentado contra o Crocus City Hall de Moscova.

Un dos homes presuntamente implicados no atentado asegurou durante un interrogatorio gravado en vídeo que lle ofreceron "medio millón de rublos" polo ataque que, con todo, aínda non recibira ao completo. "Só a metade", dixo, perante transferencia a unha tarxeta bancaria.

As autoridades cren que a operación comezou a artellarse hai só un mes, unha vez prometidos os cartos aos atacantes, que foron abordados nun vehículo da marca Renault ao sur do país, a uns 100 quilómetros da fronteira con Ucraína. De feito, o presidente ruso, Vladimir Putin, apuntou ao país veciño este sábado. "Intentaron darse á fuga cara a Ucraína, onde, segundo datos preliminares, se lles preparara unha fiestra do lado ucraíno para cruzar".

O atentado contra o Crocus é o peor atentado terrorista da historia moderna da capital rusa, ademais do secuestro do teatro Dubrovka por parte de terroristas en 2002, un atentado que saldou coa morte de 132 reféns.

Rusia viviu este domingo un día de loito oficial decretado polas autoridades para lembrar as 133 vítimas mortais —entre elas tres crianzas— e 152 persoas feridas de diversa consideración —segundo o último balance— e condenar o atentado terrorista perpetrado na tarde da sexta feira na sala de concertos Crocus City Hall, e cuxa autoría reivindicou o Estado Islámico (ISIS). Foi o peor ataque na historia recente da capital, Moscova.

As bandeiras de Rusia nas súas embaixadas de todo o mundo están este domingo penduradas a media hasta, así como nos edificios oficiais do país, e xa chegaron as primeiras mostras de afecto e solidariedade coas vítimas con senllas ofrendas florais en capitais europeas como Roma ou Minsk.

Comentarios