Día de loito en Rusia polos atentados que deixaron 133 mortos e 152 feridos

"Aos terroristas, asasinos e bestas, que non teñen nin poden ter nacionalidade, espéralles un funesto destino: vinganza e esquecemento. Non teñen futuro", proclamou Putin.
Ofrenda floral ás vítimas fronte á Embaixada de Rusia en Minsk. (Foto: Henadz Zhinkov / Xinhua News)
photo_camera Ofrenda floral ás vítimas fronte á Embaixada de Rusia en Minsk. (Foto: Henadz Zhinkov / Xinhua News)

Rusia vive este domingo un día de loito oficial decretado polas autoridades para lembrar as 133 vítimas mortais —entre elas tres crianzas— e 152 persoas feridas de diversa consideración —segundo o último balance— e condenar o atentado terrorista perpetrado na tarde da sexta feira na sala de concertos Crocus City Hall, e cuxa autoría reivindicou o Estado Islámico (ISIS). Foi o peor ataque na historia recente da capital, Moscova.

As bandeiras de Rusia nas súas embaixadas de todo o mundo están este domingo penduradas a media hasta, así como nos edificios oficiais do país, e xa chegaron as primeiras mostras de afecto e solidariedade coas vítimas con senllas ofrendas florais en capitais europeas como Roma ou Minsk.

Fontes da Intelixencia rusa precisaron que foron catro os autores materiais da matanza, todos eles xa detidos, e que irromperon no recinto disparando armas automáticas a discreción contra as e os asistentes a un concerto do grupo Picnic que non chegou a comezar. Posteriormente utilizaron "un líquido inflamábel" para incendiar a sala. As chamas provocaron que caese parte do teito.

Aspecto da sala Crocus City Hall após o incendio. (Foto: Vlad Karkov / SOPA Images via ZUMA / DPA)
Aspecto da sala Crocus City Hall após o incendio. (Foto: Vlad Karkov / SOPA Images via ZUMA / DPA)

Un dos homes presuntamente implicados no atentado asegurou durante un interrogatorio gravado en vídeo que lle ofreceron "medio millón de rublos" polo ataque que, con todo, aínda non recibira ao completo. "Só a metade", dixo, perante transferencia a unha tarxeta bancaria.

As autoridades cren que a operación comezou a artellarse hai só un mes, unha vez prometidos os cartos aos atacantes, que foron abordados nun vehículo da marca Renault ao sur do país, a uns 100 quilómetros da fronteira con Ucraína. De feito, o presidente ruso, Vladimir Putin, apuntou ao país veciño este sábado. "Intentaron darse á fuga cara a Ucraína, onde, segundo datos preliminares, se lles preparara unha fiestra do lado ucraíno para cruzar".

O presidente da Federación Rusa, Vladimir Putin, este sábado no seu despacho. (Foto: Kremlin via DPA)
O presidente da Federación Rusa, Vladimir Putin, este sábado no seu despacho. (Foto: Kremlin via DPA)

Unha acusación respondida polo seu homólogo ucraíno, Volodimir Zelenski: "Tras o ocorrido onte [pola sexta feira] en Moscova, Putin e os demais bastardos tentan, por suposto, botar a culpa a outro", dixo, e criticou que Moscova "sempre utiliza os mesmos métodos e sempre culpa a outros". Tamén Adrienne Watson, portavoz do Consello de Seguridade dos Estados Unidos, desbotou esta teoría: "A principios de marzo, o Goberno dos Estados Unidos compartiu información con Rusia sobre un ataque terrorista planeado en Moscova [...] O ISIS é o único responsábel deste ataque. Non houbo participación ucraína en absoluto".

Mais a portavoz da diplomacia rusa, Maria Zakharova, eleva o ton contra o país veciño e mais os EUA: "Até que conclúa a investigación do atentado terrorista do Crocus City Hall, calquera frase de Washington que xustifique a Kíiv debe considerarse como proba [...] As elites políticas de EEUU adestráronse durante décadas para desviar hábilmente a atención de crimes soados e escenificacións de toda clase".

Putin promete "vinganza"

Putin, que cualificó o atentado de "sanguento e bárbaro", prometeu "castigar" os culpábeis: "Imos identificar e castigar a todos os que prepararon este ataque contra Rusia. Aos terroristas, asasinos e bestas, que non teñen nin poden ter nacionalidade, espéralles un funesto destino: vinganza e esquecemento. Non teñen futuro".

Comentarios