O Congreso aproba a Lei de amnistía

O documento obtén 178 votos a favor e 172 en contra, os de PP, Vox, UPN e CC.
A consellera da Presidencia do Govern de Catalunya, Laura Vilagrà, e o presidente de ERC, Oriol Junqueras, hoxe, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera A consellera da Presidencia do Govern de Catalunya, Laura Vilagrà, e o president de ERC, Oriol Junqueras, hoxe, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A Lei de amnistía xa é unha realidade. O Congreso español deu hoxe o visto e prace definitivo á norma con 178 votos a favor e 172 en contra —os de PP, Vox, UPN e Coalición Canaria—, logo de varias semanas de intensas negociacións entre PSOE, ERC e Junts após tombala en xaneiro a formación de Carles Puigdemont. A lei chega nun momento condicionado polo adianto electoral en Catalunya, decisión anunciada esta mesma cuarta feira polo president, Pere Aragonès, tras non ser capaz de sacar adiante os orzamentos de 2024.

Agora, unha vez aprobada na Cámara baixa, a lei enviarase ao Senado para que continúe o seu percorrido nas Cortes. O PP ten maioría absoluta na Cámara alta e pensa atrasar ao máximo os trámites, se ben non poderá demoralos máis de dous meses debido a que ese é o límite que estabelece a Constitución, co que se prevé a entrada en vigor do texto para finais do vindeiro mes de maio.

O documento aprobado deixa finalmente fóra determinados casos que, segundo o acordo asinado por Junts e o PSOE en novembro, poderían ter cabida como suposto 'lawfare' —interferencia xudicial na política—. Así, a lei, que non recolle esa palabra na súa redacción, non incluiría o procesamento do avogado do ex president Carles Puigdemont, Gonzalo Boye; a condena da ex presidenta do Parlament e líder de Junts por supostos delitos de corrupción, Laura Borràs, ou o procesamento da familia Pujol.

A lei contempla tamén un apartado específico de exclusións no que figuran os actos tipificados como delitos de terrorismo "a condición de que" os acusados actuasen "de forma manifesta e con intención directa" de causaren "violacións graves de Dereitos Humanos", como matar e torturar. E exclúe igualmente os actos dolosos contra as persoas que producisen un resultado de morte, aborto, a perda ou inutilidade dun órgano, un membro ou un sentido, impotencia, esterilidade ou unha grave deformidade.

Comentarios