Tensión en Oriente Medio

Medra a tensión en Oriente Medio: acusan Israel de lanzar ataques sobre Irán, Siria e Iraq

Os medios de comunicación iranianos informaron esta sexta feira de cando menos tres explosións perto dunha base militar.
Soldados iranianos na contorna da cidade de Isfahán (Foto: Iranian Army Office via ZUMA Press / DPA).
photo_camera Soldados iranianos na contorna da cidade de Isfahán (Foto: Iranian Army Office via ZUMA Press / DPA).

Os medios de comunicación iranianos informaron esta sexta feira de cando menos tres explosións perto dunha base militar localizada no noroeste da cidade de Isfahán, onde se atopa a instalación nuclear máis grande de Irán, ao sur da capital, Teherán.

A axencia IRNA reportou que “non houbo grandes danos nin amplas explosións causadas polo impacto dunha ameaza aérea”, rexeitando a información publicada pola canle estadounidense ABC News arredor do lanzamento de mísiles israelís en dirección a Irán, e o Organismo Internacional de Enerxía Atómica ratificou que non se produciron danos nas instalacións nucleares iranianas.

Segundo medios locais, tamén se terían producido explosións en As-Suwayda (Siria) e nas zonas de Bagdad e Babil (Iraq). Siria verificou un ataque con mísiles de Israel contra unha unidade de defensa aérea.

Os medios de defensa antiaérea iranianos tamén terían operado en varios puntos do territorio iraniano, ademais, os voos a Teherán, Isfahán e Shiraz, así como aos aeroportos doutras partes do Estado foron suspendidos.

Un alto funcionario de Irán detallou á axencia Reuters que “a fonte estranxeira do incidente non foi confirmada, non recibimos ningún ataque externo e a discusión inclínase máis cara á infiltración que cara ao ataque”, descartando a posibilidade de novas represalias contra Israel, e un analista iraniano confirmou ao mesmo medio que os drones estaban pilotados por “infiltrados desde o interior de Irán”.

Funcionarios dos Estados Unidos e Israel trasladaron á prensa do país americano que o réxime de apartheid sionista foi o autor do ataque, do que Washington foi “informado no último minuto”, corroborou o ministro de Exteriores italiano, Antonio Tajani. Un dos membros do Executivo de ultradereita israelí, o titular de Seguridade Nacional Itamar Ben-Gvir, reaccionou ao ataque cualificándoo de “débil”.

Calma na cidade, dentro da tensión

As autoridades de Irán xa confirmaron ter repelido o ataque con drons contra Isfahán, e dáse por feito que se trata un paso máis de Israel na escalada de tensión que está a vivir Oriente Medio nas últimas semanas e meses.

"Os sons están relacionados cos disparos dos sistemas de defensa aérea contra un obxecto sospeitoso. Non hai danos", recalcou. Os medios iranianos destacan que, dentro do medre da tensión, a situación está en calma agora mesmo na cidade.

A operación israelí produciuse após as represalias iranianas da fin de semana en resposta ao bombardeo sionista do seu consulado en Damasco, Siria. “O que está claro é que Israel atacou, mais non foi o tipo de ataque destinado a causar danos civís ou humillar Irán, senón a satisfacer a ambición militar israelí sen enfadar os Estados Unidos”, explicou Marwan Bishara, analista da canle Al Jazeera.

Veto dos EUA á entrada palestina na ONU

A Autoridade Nacional Palestina  definiu como “inxusto, pouco ético e inxustificado” o veto estadounidense no Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU) a que Palestina ingresase como membro de pleno dereito ao organismo internacional, unha resolución que recibiu 12 votos a favor, incluído o de aliados de Washington, coa abstención do Reino Unido e Suíza.

Comentarios