Opta pola liña dura o Gabinete Rajoy e faino consciente de que non ten todas consigo desta volta, sendo que se manifestan disensións nas elites -neste caso no Consello de Estado- a respeito da lexitimidade da súa política contra Catalunya.
A decisión do Consello de Estado de desaconsellar o recurso do Goberno contra a designación de Puigdemont como candidato á investidura abre un cenario novo e dificulta a extratexia de Rajoy. Porén, o executivo está decidido a levar o asunto até o final. Agora o debate trasládase ao Tribunal Constitucional que terá de decidir, mesmo antes de entrar no fondo do asunto, se admite a trámite ou non a impugnación.
O Consello de Estado valorou que o recurso, ao ser preventivo, fronte a un acto (a investidura) que aínda non se produciu, non ten fundamentos. Esa argumentación pode ter o seu peso nos debates que a bon seguro se producirán no seo do TC.