Novo crime político en Ecuador: asasinado a tiros Pedro Briones, do partido de Correa

Segundo asasinato dun dirixente político en apenas cinco días e na semana das eleccións, logo de ser abatido por un grupo de sicarios o candidato presidencial Fernando Villavicencio.
Amplo dispositivo policial após o asasinato de Fernando Villavicencio. (Foto: Europa Press)
photo_camera Amplo dispositivo policial após o asasinato de Fernando Villavicencio. (Foto: Europa Press)

O dirixente de Revolución Cidadá —o partido do ex presidente Rafael Correa— na rexión ecuatoriana de Esmeraldas, Pedro Briones, foi asasinado a tiros esta segunda feira nas inmediacións da súa propia vivenda. Segundo fontes policiais citadas polo diario El Universo, dúas persoas subidas nunha moto achegáronse até o parque da parroquia de San Mateo, onde o abateron con varios disparos. Briones foi declarado morto á súa chegada ao hospital debido aos dous impactos de bala que recibira na parte esquerda do pescozo.

"Ecuador vive a súa época máis sanguenta. Isto debémosllo ao abandono total dun goberno inepto e a un Estado tomado polas mafias. A miña aperta solidaria á familia do compañeiro Pedro Briones, caído en mans da violencia. O cambio é urxente!", publicou a candidata presidencial de Revolución Cidadá, Luisa González, a través das súas redes sociais. "Asasinaron outro compañeiro máis en Esmeraldas. Xa abonda!", engadiu Correa.

A seguridade centra o debate electoral no Ecuador tras mataren Villavicencio

O de Pedro Briones foi o segundo magnicidio en apenas cinco días, logo do asasinato do candidato presidencial do Movemento Constrúe, Fernando Villavicencio, a mans dun grupo de sicarios. E a cuestión da seguridade, ao fío deste crime, centrou na madrugada desta segunda feira o único debate electoral de cara aos comicios do vindeiro domingo, día 20, que contou con sete formacións políticas que aspiran a gobernar Ecuador.

O autoproclamado candidato anticorrupción non foi substituído no evento, pois o seu substituto como candidato á Presidencia, Christian Zurita, aínda non foi certificado polo Consello Nacional Electoral á espera de potenciais impugnacións. A elección de Zurita no seo da organización chegou despois da polémica xerada pola designación en primeira instancia de Andrea González, candidata á vicepresidencia en tándem con Villavicencio, unha decisión que provocaba dúbidas desde a perspectiva legal.

Nas intervencións do debate, todas as candidaturas defenderon un "aumento da seguridade" por distintas vías, e trataron de afastarse da xestión do presidente conservador Guillermo Lasso, ao que responsabilizaron do auxe da inseguridade, que comezou desde que o progresista Rafael Correa abandonou o poder en 2017.

Nese punto fixo énfase Luisa González, candidata da progresista Revolución Cidadá e que segundo as enquisas obterá a vitoria na primeira volta das presidenciais, que inquiriu á poboación se lembraba o funcionamento dos servizos públicos nos mandatos de Correa, cando "ninguén pedía un suborno".

Comentarios