O Sáhara Occidental critica Francia por participar no espolio marroquí

Reclama a fin do saqueo das riquezas naturais
O presidente francés, Emmanuel Macron, a finais de marzo. (Foto: Leco Viana / TheNEWS2 via ZUMA Pre / DPA vía Europa Press)
photo_camera O presidente francés, Emmanuel Macron, a finais de marzo. (Foto: Leco Viana / TheNEWS2 via ZUMA Pre / DPA vía Europa Press)

A República Árabe Saharauí Democrática denunciou unha iniciativa francesa para financiar conxuntamente con Marrocos proxectos nas áreas ocupadas polo réxime alauí no Sáhara Occidental, recolleron a segunda feira medios internacionais. O país criticou a “nova escalada” na “histórica participación do Estado francés contra o pobo saharauí”, que nesta ocasión busca formar parte do "saqueo das riquezas naturais”.

O Consello de Ministros saharauí reclamou á Unión Europea  (UE) que “deixe de favorecer” Marrocos e rache os seus vínculos coa “ocupación”, acabando co espolio de recursos naturais en liña coas disposicións do Tribunal de Xustiza da UE.

Tamén se dirixiu ao Estado español “como potencia administradora do territorio”, instando a que asuma “as súas responsabilidades morais e históricas”, comezando por abandonar a loita conxunta con Rabat para que a Xustiza da UE acepte incluír nos acordos pesqueiros as áreas correspondentes ao Sáhara. Namentres, Marrocos bloquea o referendo de autodeterminación avalado pola Organización das Nacións Unidas.

Comentarios