O sector agrícola alemán levántase contra o plan de recortes de Scholz

Milleiros de agricultores protestan ao longo do territorio xermano.
Tractores (Foto: Nós Diario).
photo_camera Tractores. (Foto: Nós Diario).

O sector agrícola alemán comezou esta segunda feira unha semana de protestas en todo o territorio do Estado, incluída a capital, Berlín. As manifestacións, nas que participan milleiros de traballadores e traballadoras do sector primario, teñen como obxectivo expresar o descontento pola política agrícola do Executivo.

Tractores e camións, algúns deles con pancartas de protesta, bloquearon as principais estradas do territorio xermano e provocaron grandes atascos.

Fronte á Porta de Brandeburgo, no centro de Berlín, concentráronse uns 550 vehículos agrícolas, entre eles 200 tractores, 100 camións, 100 coches e unhas 100 furgonetas, polo que o tráfico da capital alemá viuse gravemente obstaculizado polas estradas de toda a cidade.

Mentres tanto, no Lander de Saxonia cortáronse os accesos ás autoestradas e bloqueáronse numerosos cruces. Segundo a Policía, concentráronse un total de 1.000 vehículos agrícolas. No Lander de Brandemburgo tamén se bloquearon as estradas de acceso a case todas as autoestradas. Pola súa parte, a Policía de Munich informou de que máis de 5.000 tractores se dirixían ao centro da capital bávara desde distintas direccións.

O detonante das protestas foi a intención das autoridades de eliminar as subvencións agrícolas despois de que o Goberno do chanceler Olaf Scholz acordase un paquete de medidas para combater o avultado déficit do orzamento federal xermano.

Entre as medidas máis discutidas polo sector están a supresión das exencións fiscais ao gasóleo agrícola e do imposto de circulación para os vehículos agrícolas. Desde as plataformas convocantes advertiron de que as actuais protestas non cesarán até a retirada destas medidas.

Comentarios