"Finlandia e Suecia están preparadas para ingresar na OTAN, polas súas capacidades militares e pola longa asociación en materia de seguridade que mantemos desde hai décadas". Así de contundente mostrouse esta segunda feira o portavoz do departamento de Estado dos EUA, Ned Price, en relación a unha adhesión que se complica para Estocolmo.
O presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, cualificou de "tradición, vulgaridade, canallada e deshonra" a queima dun exemplar do Corán diante da embaixada de Turquía o pasado sábado nunha manifestación con participación ultradereitista decorrida na capital do país escandinavo, un acto de protesta que desde Ankara pedían desautorizar mais que o Goberno sueco aceptou amparándose na liberdade de expresión.
"Condenamos nos termos máis enérxicos posíbeis o vil ataque contra o noso libro sacro, o Corán, perpetrado hoxe en Suecia, a pesar de nosas repetidas advertencias anteriores. Este acto despreciábel é máis un exemplo do alarmante nivel que a islamofobia e os movementos racistas e discriminatorios alcanzaron en Europa", sinalaron desde o Ministerio de Exteriores turco.
Como consecuencia deste acto e ante a xa de por si tensa relación entre Ankara e Estocolmo por dar asilo a cidadáns kurdos que Turquía cualifica de terroristas e pide extraditar, Erdogan afirmou con rotundidade que Suecia "non debe esperar" o seu apoio para entrar na OTAN.
É por iso que Ned Price tentou saír ao paso fechando filas arredor dos países escandinavos que buscan entrar na Alianza. Se ben considerou que a queima de libros considerados sagrados por unha relixión é un acto "legal —amparado pola liberdade de expresión— mais profundamente irrespectuoso" para cos seus seguidores, dixo que "quen están detrás do ocorrido en Suecia están a facer un esforzo intencionado para tentar debilitar a unidade entre os nosos aliados e socios europeos".
Porén, admitiu que a decisión final dependerá de Ankara, pois a incorporación á organización de Defensa precisa do visto bo dos 30 estados membro. Suecia e Finlandia, que o pasado verán iniciaron os trámites para concretar o procedemento, aínda non obtiveron o aval de Turquía mais tampouco de Hungría.
A premisa de Erdogan é clara: apoiará ambas as candidaturas se aumentan o seu apoio á persecución dos grupos políticos do Kurdistán que o seu goberno cualifica de terroristas.