Xustiza

Suíza pon en dúbida a investigación por terrorismo a 'Tsunami' e négase a localizar a Marta Rovira

O país helvético quere decidir antes se hai un "carácter político" na petición de Manuel García-Castellón e pide saber para que quere o maxistrado da Audiencia Nacional coñecer o paradoiro da secretaria xeral de ERC, "cuxa pertenza a Tsunami Democràtic non está clara".
Sede da Audiencia Nacional, en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Sede da Audiencia Nacional, en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A Oficina Federal de Xustiza de Suíza vén de remitir unha misiva ao xuíz do caso 'Tsunami Democràtic', Manuel García-Castellón, a través do Ministerio de Xustiza, na que se nega a axudalo a localizar a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, ou a obter información bancaria relativa á plataforma porque entende que debe decidir antes se hai un "carácter político" na súa petición.

Tal e como recolle esta terza feira o xornal El País, as autoridades competentes suízas solicitan na carta información sobre como pode afectar a Lei de amnistía que se tramita no Congreso español "para varios separatistas cataláns" a esta causa en concreto. E abunda en que sería conveniente que lles explicasen as posíbeis consecuencias desta lei sobre os procedementos iniciados contra os membros da plataforma Tsunami e, máis en concreto, sobre Rovira, "cuxa pertenza á devandita plataforma non está clara", nin moito menos os supostos delitos de "terrorismo" que se investigan nesta causa.

Desta forma, Suíza suspende o auxilio solicitado polo maxistrado até que España, e nomeadamente a Audiencia Nacional, responda as súas preguntas porque entende, tras examinar "coa máxima atención" a comisión rogatoria, que o contido é moi semellante á do 3 de decembro de 2019 que xa deu lugar a unha denegación de asistencia.

En concreto, aclara que, antes de decidir se a comisión rogatoria ten un carácter político que impediría conceder a asistencia en virtude da lexislación suíza sobre asistencia mutua en materia penal, necesitan saber para que quere García-Castellón coñecer o paradoiro de Rovira e por que o fai por este conduto cando a medida pode executarse mediante o procedemento simplificado de cooperación policial.

Sobre a petición de información bancaria, pregúntanse por que o maxistrado quere obter os movementos até xuño de 2020 se os eventos organizados por Tsunami nos aeroportos do Prat de Barcelona e Barajas, en Madrid, e que "supostamente debían recibir apoio financeiro a través da citada conta", tiveron lugar o 14 de outubro de 2019.

E, ao fío desta cuestión, quere coñecer tamén a relación exacta entre Rovira e as manifestacións nos dous aeroportos que se citan na comisión rogatoria. Para Suíza, é importante coñecer a implicación precisa de Rovira neses feitos "e máis concretamente nas accións emprendidas contra os funcionarios españois e saqueos cometidos neste contexto".

Resposta negativa en 2020

Xa no ano 2020 as autoridades xudiciais de Suíza negáronse a prestar asistencia xurídica ao Estado español na causa que se instrúe na Audiencia Nacional sobre 'Tsunami Democràtic', ao entender que o procedemento ten "un carácter político preponderante".

Na resposta que deu daquela o país helvético ao Xulgado Central de Instrución número 6, ao que tivo acceso a axencia Europa Press, indicábase que o convenio europeo polo que se rexen as relacións entre ambos os estados dispón que a asistencia xurídica poderá denegarse "se a solicitude se refire a infraccións consideradas pola parte requirida como infraccións políticas ou como infraccións relacionadas con infraccións políticas".

Comentarios